José Otero Abeledo, Laxeiro


Naceu en Lalín en 1908 e en 1921 emigra a Cuba coa súa nai e mais o seu irmán para se reuniren co seu pai. Na Habana traballa, estuda debuxo no Centro Galego, lugar no que coñece a Virxilio Blanco, e visita as exposicións de Corredoyra e Zuloaga, que o impresionan dun modo especial.

99000600.01.jpg
José Otero Abeledo, Laxeiro


1925 - 1939

En 1925 regresa a Lalín e as necesidades económicas obrígano a traballar de barbeiro polas feiras, ocupación que comparte cunha especial dedicación ao debuxo do natural. A data en que Laxeiro regresa a Galicia coincide co inicio do Movemento Renovador da Arte Galega, protagonizado por artistas como Souto, Torres, Colmeiro, ou Eiroa, e ao que axiña se incorpora. Os renovadores introducen na arte galega as diferentes vangardas históricas dun modo aleatorio. Neste momento España vive a Arte Nova, en Europa prodúcese o retorno á orde e Picasso desenvolve a súa etapa clásica. É dicir, unha época caracterizada pola volta á figuración, pero dende unha concepción de modernidade, con formas sinxelas e estruturadas alleas a calquera anécdota ou nota costumista. O referente figurativo é esencial para a arte galega do momento, directamente relacionado co sentimento nacionalista e promovido por ideólogos como Castelao, que converten a arte nun instrumento difusor dos seus ideais. A linguaxe plástica permítelles dar a coñecer a súa visión da sociedade galega e propoñer solucións.

Xunto a todo iso, en 1925, a Deputación de Pontevedra institucionaliza as pensións de arte que lles permiten aos artistas formarse en Madrid e viaxar a Europa para contactar coa modernidade. Laxeiro, animado por Colmeiro, solicita en 1931 unha destas axudas, pero nesta ocasión denéganlla e subvenciónao o concello de Lalín para estudar na Academia de Bellas Artes de San Fernando de Madrid. A súa estadía en Madrid prolóngase coa pensión que en 1932 recibe da Deputación de Pontevedra. Frecuenta o faladoiro de La Granja de Henar con outros intelectuais galegos, coma Castelao ou Otero Pedrayo, e coincide cos pintores Torres, Lugrís, Souto, etc. Visita o Museo do Prado, onde estuda os clásicos, especialmente a Goya, e coñece a pintura de Solana, que inflúe nas súas carnavaladas. Laxeiro perfila nestes anos a súa pintura de mitos e lendas, plasmadas cun grande expresionismo.

En 1933 regresa a Galicia e entra en contacto co ambiente artístico de Santiago de Compostela vinculado ao nacionalismo. Frecuenta o faladoiro do Café Español, no que participan Colmeiro, Maside, Luis Seoane, Eiroa, Arturo Cuadrado ou Cunqueiro. Vive activamente o panorama cultural da Barraca Resol, as Misións Pedagóxicas e en 1934 expón na Facultade de Filosofía e Letras. Esta primeira exposición individual, que mereceu unha destacada crítica de Fernández del Riego, mostrou unha obra caracterizada polas formas volumétricas, a ausencia de elementos costumistas e a estética do granito, común a moitos dos renovadores. Laxeiro perfila nesta mostra o seu repertorio temático: o entroido, as maternidades, as escenas campesiñas e os mitos e as lendas da súa terra natal. Pinturas que volve expoñer en 1935 en Pontevedra e que ía exhibir en 1936 en Vigo, cando o sorprende o comezo da Guerra Civil, o que o obriga a partir como soldado forzoso cara a Asturias. Durante os anos da guerra debuxa e pinta varios retratos.

Desta etapa o Museo de Pontevedra posúe catro debuxos. O primeiro deles é a portada para Romance de unha fatal ocasión, dedicado a Castelao polo Seminario de Estudios Galegos en 1935. O debuxo organiza o espazo en clave surrealista, baseándose estilisticamente en exemplos de Luis Seoane e argumentalmente en Risco.

Os outros tres debuxos, Vendedoras, Apunte e Apunte de anciano (anverso e reverso do mesmo papel), son bosquexos do natural tomados en Pontevedra na década dos anos trinta. Estes esbozos están en consonancia cos debuxos que Laxeiro fai nas feiras, nos que se preocupa por captar os costumes e as personaxes do lugar.


1940 - 1951

En 1940 establécese en Pontevedra. Frecuenta os faladoiros do Café Moderno, onde pinta o mural Manantial de la Vida, e os do Savoy, aos que acoden Antonio Blanco Porto e Antonio Iglesias Vilarelle, os primeiros directores da Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra, instituída en 1925. A morte de Blanco Porto, en 1940, queda documentada no esbozo do natural que fai Laxeiro no seu leito de morte, Retrato de Antonio Blanco Porto. Ese mesmo ano sucédeo como director da Polifónica Iglesias Vilarelle, e de novo Laxeiro déixanos un documento dunha das súas primeiras actuacións, Antonio Iglesias Vilarelle dirigiendo la Polifónica, e un retrato ao carbón no que crea o volume cun sombreado a base de manchas, característica non exclusiva do seu estilo, senón común á obra doutros renovadores como Souto, especialmente na década dos trinta.

En 1941 pinta o mural do Cine Balado, de Lalín, e é de novo subvencionado pola Deputación de Pontevedra, que recibe como contraprestación dúas obras, Retrato de mi hija e El baño, depositadas no Museo de Pontevedra. A primeira ten no reverso unha maternidade que compendia varias premisas da súa obra vinculada ao movemento renovador: o tema da maternidade, simbolizando a Galicia; a estética do granito, en referencia á orografía e á escultura do románico, do barroco e dos canteiros populares; o volume e as formas tomadas da etapa clásica de Picasso e, como característica propia do pintor, o expresionismo da pincelada e a gama cromática dos negros e terras.

El baño debemos interpretalo en relación cun conxunto de obras que iniciaba co mural do Moderno, protagonizadas por un elevado número de personaxes que se moven entre a realidade e a ficción, sempre vencelladas ao mundo da mitoloxía e ás fábulas que habitan na súa imaxinación. Estas obras, que representan un canto á vida e á alegría de vivir, constitúen o preludio das recargadas composicións narrativas que pinta a partir da segunda metade da década dos corenta, como Trasmundo (1946, Fundación Laxeiro), nas que todas as súas fantásticas personaxes comparten escenario.

En 1942 a Deputación renóvalle a pensión e trasládase a Vigo. Alí frecuenta o faladoiro do Derby, onde coincide co pintor Antonio Medal, ao que retrata nun carbón que, ata o seu ingreso no Museo, pertenceu á colección de Medal. Durante os anos que vive en Vigo (1942-1951) expón en varias ocasións nesta e noutras cidades, como Madrid e Bilbao. Nunha destas mostras, a de 1946 na sala viguesa Las Galerías, exhibiu óleos e debuxos de nenos, un dos temas que resalta de xeito especial na súa obra. Exemplo da temática infantil destes anos é Personajes, obra do Museo de Pontevedra, que tamén posúe outros dous debuxos desta época: Retrato de Manuel Quiroga (1949) e Homenaxe a Castelao (Ca. 1950). O primeiro debúxao nunha das súas visitas a Pontevedra, onde segue frecuentando o faladoiro do Savoy, ao que tamén acode Emilio Quiroga, irmán do violinista Manuel Quiroga. Homenaxe a Castelao, mentor do movemento renovador e admirador da obra de Laxeiro dende os seus inicios, estivo en posesión do artista e político galego ata que ingresou no Museo co legado testamentario da súa viúva.

Nestes anos da posguerra a arte vese, na súa maioría, sumida no academicismo oficial. Laxeiro foxe deste e intenta evolucionar cara ao informalismo expresionista, estilo que desenvolve na súa posterior etapa bonaerense.


1951 - 1970

En 1951 Laxeiro viaxa a Bos Aires para participar na mostra Artistas Gallegos organizada polo Centro Galego na Galería Velázquez, pero a súa estadía en Arxentina prolóngase ata 1970. Unha etapa profunda na que experimenta partindo dos seus referentes anteriores. Relaciónase con varios artistas que se exiliaron a aquel país, Seoane, Maruja Mallo, etc. Expón en múltiples ocasións e comeza a súa faceta de conferenciante. A súa obra madura coas achegas da vangarda que procedía de Europa e a influencia picassiana, que mestura co seu estilo nos temas galegos. A súa pintura expresionista e xestual comeza unha etapa informalista relacionada co Art Brut ou o Grupo CoBrA, que inicia co mítico Autorretrato de 1952 (Fundación Laxeiro). Pero Laxeiro mantén diferentes rexistros plásticos e non oculta a morriña da súa terra, como evidencia Llegada del Breogán a Galicia, pintado en 1954 e pertencente ao Museo, que é , de certo, un exercicio de nostalxia. Laxeiro volve a unha escena repleta de personaxes adaptadas a un espazo románico, onde os nenos, os trasnos e todos os seres da súa imaxinación invaden a composición. Esta obra remite conscientemente á súa produción dos anos trinta, un tema de visión laxeiriana que reinterpreta unha escena da mitoloxía galega.

De novo a lembranza da súa terra é o tema de Traballo galego, o enorme mural que pinta en 1959 nun restaurante de Bos Aires e que tivo que ser dividido en dous en 2003 para poder levantalo da súa localización. Esta obra, que dende 2004 custodia o Museo de Pontevedra, a diferenza da que acabamos de comentar, obvia toda referencia á estética do granito. Aquí a materia está suplantada polas cores planas e as formas delimitadas polo trazo firme do debuxo. Ante este mural é imprescindible referírmonos á pintura de Luis Seoane e Leopoldo Nóvoa, cos que comparte exposición en 1957 en Montevideo, e por suposto a Picasso. O mural é un exemplo de que Laxeiro non desdeña ningunha linguaxe plástica, pero que as adapta ao seu estilo.

Aínda que cada vez son máis escasos os retratos na súa produción, en 1961 pinta o Retrato del General Martínez Monge, militar republicano exiliado en Arxentina ao que lle unen motivos ideolóxicos. O retrato recibiu a Medalla de Ouro da I Bienal de Arte de Pontevedra, en 1970, ano en que Laxeiro regresa a España definitivamente. O cadro foi depositado en 1971 pola Deputación de Pontevedra no Museo de Pontevedra e dende 1976 atópase en deposito no Museo Ramón María Aller de Lalín.

Laxeiro expón en varias ocasións en Bos Aires, entre elas en 1957 na Galería Velázquez, onde se celebrou a mostra de 1951 que o leva a Arxentina. A súa relación co propietario da sala era moi estreita e en 1962 pinta para o domicilio deste o mural Villancico. A obra foi levantada en 1990, para evitar a súa desaparición, e en 1999 ingresa no Museo de Pontevedra. De novo estamos ante o tema da infancia cun coro infantil, pero o modo de tratar a figura variou. As formas simplificáronse, pero, a diferenza das formas de Traballo Galego, aquí utiliza o informalismo matérico. Laxeiro integra a tendencia ás composicións barroquizantes e ao espazo do románico, que utiliza dende os seus inicios, coas formas derivadas do cubismo picassiano, as composicións e o primitivismo de Paul Klee ou o informalismo de El Paso, en concreto a influencia dos rostros de Saura. É pois un exemplo máis de como se adapta ás novas formas creando un estilo persoal. Ese mesmo ano de 1962 viaxa a España para expoñer na sala Prisma de Madrid, cidade na que volverá expoñer en anos sucesivos. A súa obra foi finalista do Premio Eugenio D´Ors, con Quirós e Vázquez Díaz, e formou parte da exposición 50 años de pintura figurativa española en París.

A mostra de 1962, en Madrid, tivo como protagonista as cores escuras. Por esas datas, como demostra El Espanto (ca. 1962), adquirido polo Museo en 2002, a súa pintura pasa por unha fase de negrismo, aínda que os tons escuros foron sempre dominantes no seu traballo. El Espanto recupera a súa paixón pola pintura de Goya insistindo asemade nas formas mencionadas en Villancico.


1970 - 1996

En 1970 regresa a España, as súas exposicións son cada vez máis destacadas e vive entre Galicia e Madrid, onde frecuenta o faladoiro do Café Gijón. Do inicio desta nova etapa o Museo posúe os debuxos Retrato de hombre con gafas (ca. 1970) e Retrato de José Barros Malvar (1972). O primeiro, probablemente un autorretrato, está debuxado cun trazo xestual e espontáneo, sen apenas levantar o rotulador do papel, exemplo do automatismo cada vez máis acusado da súa obra. O retrato do cirurxián pontevedrés establecido en Madrid, José Barros Malvar, humanista e amigo dos máis destacados nomes das artes e as letras da cultura española do século XX, entre eles Laxeiro, foi doado por José Barros ao Museo en 1993. Ambos responden á vertente expresionista que mantén nesta nova etapa, á vez que desenvolve unha pintura abstracta e planista de marcados contornos negros.

Exemplo da tendencia abstracta que introduce na súa pintura na década dos sesenta é o óleo Palacio de nácar (ca. 1976), adquirido polo Museo en 2002, aínda que neste caso as formas son volumétricas.

Nas dúas últimas décadas do século XX, Laxeiro recibe varias homenaxes como recoñecemento ao seu traballo e ao seu compromiso coa arte galega. En 1981 Atlántica dedicoulle unha antolóxica con máis de trescentos cadros, pois Laxeiro supuxo un dos precedentes que serviron para relanzar a arte galega a unha nova renovación. En 1983 a cidade de Vigo, onde reside os últimos anos da súa vida, dedícalle un museo monográfico. A VIII Bienal de Pontevedra, de 1985, concédelle a Medalla de Honra e exhibe unha antolóxica da súa obra, e en 1996 o CGAC e o Centro Cultural Conde Duque dedicáronlle unha mostra retrospectiva pouco antes da súa morte.

Destes últimos anos, o Museo de Pontevedra posúe catro estampas, dúas figurativas e dúas abstractas, que reflicten a coexistencia de ambos os estilos na súa produción. As primeiras son Sin título (1984), que representa unha cabeza picassiana que forma parte do cartafol 14 Artistas Galegos, e Maternidade (1986).

As outras dúas representan a corrente abstracta, de marcados contornos negros e cores planas, que caracterizou gran parte da súa última produción. Estas dúas serigrafías son Sin título, unha obra dos anos oitenta, e Sin título (ca. 1995), incluída no cartafol Vigo se moja xunto a outras estampas de Mario Granell, Lodeiro, Barreiro e S. Montes.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra