Xosé Filgueira Valverde

Xosé Filgueira Valverde foi unha das figuras máis destacadas de Galicia no século XX, unha centuria, paga a pena comentalo xa de entrada, que, en boa medida, enche coa súa propia existencia, pois naceu en 1906 e faleceu en 1996. A súa traxectoria vital, significada pola diversidade e amplitude das súas actividades, intereses e saberes, tivo un núcleo vertebrador inequívoco, Galicia e a súa Cultura, entendida esta na súa máis ampla acepción, con dous privilexiados eixes de referencia: Pontevedra, a cidade na que viu a luz, e Santiago de Compostela, a urbe con proxección ecuménica na que recibiu no esencial a súa sólida formación intelectual.

Xosé Filgueira Valverde naceu, como xa dixen, en Pontevedra, exactamente o 28 de outubro de 1906. Cursou con brillantez, a partir de 1917, os estudos de bacharelato no Instituto da cidade. En 1922 empezou na Universidade de Santiago a carreira de Filosofía e Letras, terminada en 1927, na Sección de Ciencias Históricas, na Universidade de Zaragoza. Un ano despois, en 1928, conclúe na de Compostela, con Premio Extraordinario, os estudos de Dereito.

En 1928 comezou tamén a súa carreira docente. Iniciouna, como Axudante interino da Sección de Letras, no Instituto de Pontevedra. Sete anos máis tarde, en 1935, gaña por oposición a Cátedra de Lingua e Literatura Española do Instituto Jaime Balmes de Barcelona, desde o que , moi rapidamente, pasa ao de Melilla e case de inmediato chega ao de Lugo, onde toma posesión da súa praza o 8 de novembro, unha semana antes da defensa na Universidade de Madrid da súa Tese de Doutoramento, cualificada con Sobresaliente, sobre a Cantiga CIII de Alfonso X O Sabio. Permanecerá en Lugo ata 1939, ano no que, con carácter provisional nun principio, se traslada ao Instituto de Pontevedra, centro do que será nomeado director en funcións en 1944 e efectivo en 1946. Permanecerá no cargo, sen solución de continuidade xa, ata a súa xubilación académica en outubro de 1976.

Ao longo da súa vida,particularmente densa, participou Filgueira Valverde de maneira decidida e decisiva na creación ou potenciación de numerosas institucións, algunhas de capital significación no panorama cultural do seu tempo, as máis con proxección e presenza intensa tamén no noso. Merecen resaltarse, polas especiais circunstancias que nelas concorren, catro: o Seminario de Estudos Galegos, o Museo de Pontevedra, o Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos e o Consello da Cultura Galega.

O Seminario de Estudos Galegos naceu o 12 de outubro de 1923, en Santiago, por iniciativa dun grupo de universitarios moi novos, el entre eles. Será, dato que documenta o seu firme compromiso cos seus principios programáticos, o primeiro, tras o Presidente, Armando Cotarelo Valledor, en ler o seu discurso de ingreso no Organismo, clave para entender en boa medida a Galicia do século XX e en moitos aspectos tamén , malia a súa curta vida , do noso tempo. Promoveu no seu seo iniciativas de carácter moi diverso, sendo nomeado en 1933 director da Sección de Historia da Literatura.

O Museo de Pontevedra xorde, por iniciativa da Deputación Provincial , daquela presidida por Daniel de la Sota, o 30 de decembro de 1927. Filgueira, estreitamente relacionado co grupo que promovía a súa creación, concibida para dar continuidade ao fecundo labor da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra, foi designado Secretario do seu Padroado fundacional, constituído formalmente o 30 de xaneiro de 1929. Xunto a De la Sota, compoñíano, entre outras, personalidades tan senlleiras como Casto Sampedro, o primeiro director da entidade (fora antes o alma mater da citada Sociedade Arqueolóxica), Castelao, Losada Diéguez ou Sánchez Cantón. O Museo será, sen dúbida, a iniciativa de máis empeño da súa longa e frutífera vida. A el, en postos e cometidos diferentes (dirixiuno entre 1940 e 1986, sendo o máximo responsable da súa plena consolidación e proxección), estará vinculado ata o momento do seu falecemento, acaecido na mesma cidade e na mesma casa na que nacera , o 13 de setembro de 1996.

O Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos estableceuse legalmente, en Santiago, o 15 de febreiro de 1944. Créase, promovido polo Consejo Superior de Investigaciones Científicas, para tratar de encher o baldeiro existente no panorama cultural galego como consecuencia da desaparición, en 1936, do citado Seminario de Estudos Galegos. No Instituto responsabilizouse nun principio da Sección de Historia da Arte, sendo nomeado en 1972, tras o falecemento de Francisco Javier Sánchez Cantón, director do Organismo.

O Consello da Cultura Galega, cuxa creación está expresamente contemplada no Estatuto de Autonomía de Galicia, é o resultado da súa xestión como Conselleiro, adxunto á Presidencia da Xunta de Galicia para a Cultura, no primeiro Goberno autonómico presidido por Xerardo Fernández Albor. Instituído formalmente o 7 de decembro de 1983, cando xa non era Conselleiro de Cultura, formou parte do seu primeiro Plenario como personalidade galega relevante. Presidirao con posterioridade, ata o seu pasamento, desde o mes de outubro de 1990.

Non foi o de Conselleiro o único cargo relevante de carácter político que ostentou Filgueira Valverde durante a súa vida. Moito antes, entre 1959 e 1968, fora xa Alcalde de Pontevedra. Aínda máis atrás, entre 1931 e 1936, desenvolvera así mesmo unha moi intensa actividade política, primeiro en relación co Partido Galeguista (foi elixido Secretario Técnico na Asemblea Constituínte do Partido celebrada en Pontevedra a principios de decembro de 1931, permanecendo no cargo algo máis de dous anos), con posterioridade en Dereita Galeguista, Partido nacido en 1935 dunha escisión, explicable por razóns ideolóxicas e estratéxicas, do anterior.

Filgueira Valverde é autor dunha copiosísima produción científica. No libro, finalmente póstumo, promovido pola Caixa de Pontevedra en 1996, co que se quería homenaxealo con motivo do seu noventa aniversario, recóllense, por un lado, un total de 2.136 publicacións, a derradeira, Os poetas de 1935, en preparación (saíu do prelo en 2008), a primeira , un artigo sobre Xelmírez aparecido en Renovación, unha revista escolar santiaguesa, o 23 de xaneiro de 1923, cando tiña só algo máis de dezaseis anos, e, por outro, neste caso unicamente ata 1995, non contabilizándose, pois, os meses de 1996 nos que viviu, 4.533 intervencións en cursos e conferencias. A consulta desta sorprendente obra permite afirmar que, con Galicia como protagonista inequívoca, pero non exclusiva, ningún campo do saber quedou fóra do seu interese e curiosidade. É evidente tamén, non obstante, que a súa maior actividade se concentrou en determinados ámbitos: a historia, a arqueoloxía, a antropoloxía, a arte e a literatura, con destacadas incursións tamén, neste caso, no terreo da creación (prosa e poesía).

Non é fácil, ante tan abafante cúmulo de referencias, destacar algunha publicación de Filgueira Valverde en particular. Son moitas, en efecto, as que, polo que supuxeron unhas veces no momento da súa aparición ou mesmo polo que comportan aínda actualmente por non ter sido superadas no esencial, as que merecerían ser sinaladas. Se fose obrigada unha soa mención, a cita debería recaer sen discusión, como ten sido reiteradamente comentado, sobre todo por X. Alonso Montero, nas nove entregas da obra xenericamente titulada Adral, recompilación de artigos de alcance e significación moi dispar, rebordantes sempre de erudición, a maior parte, sobre todo os incluídos nos primeiros volumes, en xornais, particularmente en Faro de Vigo.

No transcurso da súa vida, froito do moito que sementou , Filgueira Valverde foi distinguido con numerosos premios, condecoracións e distincións. Sirvan de testemuño, por un lado, as Medallas de Ouro das “súas” dúas cidades, Pontevedra e Santiago, e, por outro, a súa elección como Numerario da Real Academia Galega e da Real Academia de la Historia. Dedicou o seu discurso de ingreso nesta Corporación, en 1981, a Frei Martín Sarmiento, o sabio monxe beneditino do século XVIII, berciano de nacemento por accidente, pontevedrés de corazón e militancia, co que tanto se identificou, e na primeira, en 1941, á Épica na Galicia medieval, un campo de traballo no que as súas achegas, aínda hoxe, tal como acontece tamén no ámbito da lírica, seguen sendo de invocación absolutamente imprescindible.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra