99000200.01.jpg
 

Casto Sampedro y Folgar

Descendente dunha nutrida familia de letrados, militares e fidalgos asturianos, naceu Casto Sampedro na vila pontevedresa de Redondela o 15 de novembro de 1848. Orientado nun primeiro momento cara á carreira eclesiástica, abandonouna logo dun breve paso polos seminarios de Tui, Ourense e Santiago. Matriculouse entón na Facultade de Dereito da Universidade compostelá e obtivo a licenciatura na devandita disciplina no ano 1872. O que se sabe da súa actividade profesional como avogado é que nun principio exerceu esta profesión na súa cidade natal, tras o que abriu un bufete en Pontevedra. Foi representante legal de grandes empresas do momento, como o Banco de España, a compañía do tranvía a vapor Pontevedra-Marín e a “West Galicia Railway Company Limited”.

Casou con Josefa Mon Landa e o matrimonio tivo sete fillos: Casto, Elisa, dous co nome de Ricardo (un deles morreu moi cedo), Dolores, María e Carmen, mais ningún tivo descendencia.

Pero se por algo transcendeu a figura de Casto Sampedro é polo seu inestimable papel na busca, conservación, estudo e difusión das fontes históricas, tanto de interese local coma rexional, e na recuperación dun gran volume de material sobre o folclore galego, que daquela sufría unha perigosa tendencia ao esquecemento. Para iso valeuse da súa ampla formación humanística, en linguas clásicas, epigrafía, paleografía e música, canalizando toda a súa actividade a través da Sociedad Arqueológica de Pontevedra, da que foi o seu fundador e presidente.

A Sociedad Arqueológica de Pontevedra naceu en 1894 co pulo de destacados membros da vida pontevedresa. Na primeira xunta encontrábanse o médico José Casal y Lois, os escritores Rogelio Lois ou Luis de la Riega e o letrado Carmelo Castiñeira. Arredor da institución foise tecendo unha densa rede de colaboradores e correspondentes espallados por toda a rexión galega e unidos polo mesmo interese na recuperación da memoria histórica e cultural de Galicia.



Debuxantes e fotógrafos, dos que son exemplo significativo Enrique Campo, Federico Alcoverro, Francisco Zagala ou Lorenzo Novás complementaban coa súa obra gráfica as descubertas arqueolóxicas, os monumentos máis salientables, as labras heráldicas das familias nobres e todo obxecto que puidese suscitar a atención dos compoñentes da Sociedad. Grazas a eles é posible reconstruír, por exemplo, a memoria visual de Pontevedra nun momento de fonda transformación urbana que fixo desaparecer moitos edificios emblemáticos da cidade.

Precisamente un deses edificios sentenciados a unha lenta morte ao longo do século XIX e salvado no último momento do seu derrubamento total polo empeño de Sampedro e outros colaboradores foron as Ruínas de San Domingos, que se converteron deste xeito no «buque insignia» da Arqueológica, tanto polo seu valor histórico-artístico coma por seren o núcleo onde se concentraban e expoñían as coleccións de obxectos que a Sociedad conseguía rescatar do esquecemento.


Ademais da exposición de pezas nas Ruínas, a difusión dos traballos da Arqueológica fíxose por medio de publicacións. O carácter reservado de Casto Sampedro fixo que fose remiso a asinar os seus artigos, pero o seu traballo está detrás de obras tan significativas como os tres tomos de Documentos, Inscripciones, Monumentos… para la historia de Pontevedra, publicados entre 1896 e 1904, ou o Cancionero Musical de Galicia, que non vería a luz ata 1942. Este último foi o produto dunha longa recompilación do folclore popular galego iniciada polo mesmo Sampedro, quen despois pasou a coordinar as tarefas de músicos e musicólogos como Ramón Arana, Víctor Said Armesto ou Santiago Tafall. O que naceu primeiro como unha simple recollida de materiais por parte dos colaboradores pasou a tomar parte, por iniciativa de Víctor Said, no concurso convocado en 1909 pola Real Academia de Bellas Artes de San Fernando baixo o título de «Colección de cantos y bailes populares de una provincia española». O boletín da devandita academia publicou o fallo do xurado o 31 de marzo de 1911 no que se lle outorgaba o primeiro premio a este traballo, que non se editaría ata trinta anos máis tarde.

99000200.02.jpg 99000200.03.jpg
   

Casto Sampedro viuse recompensado con cargos honoríficos como premio ao prestixioso labor en prol da investigación histórica do momento: Cronista da provincia, socio numerario fundador da Real Academia Galega, socio correspondente da Real Academia da Historia e presidente da Comisión Provincial de Monumentos.

A actividade da Sociedad Arqueológica foise debilitando co paso do tempo, a medida que foron desaparecendo moitos dos seus colaboradores máis activos. Non obstante, o seu espírito mantívose ata que en 1927 se aproveitaron os seus alicerces para fundar o Museo Provincial de Pontevedra, do que Casto Sampedro foi o seu primeiro director. Cunha nova xeración de historiadores e benfeitores encabezados polo novo José Filgueira Valverde, o Museo naceu xa cunha completísima colección de pezas herdadas da vella Sociedade e coa experiencia adquirida durante tres décadas.

Casto Sampedro morreu en Pontevedra o 8 de abril de 1937, cando lle faltaba pouco para facer os noventa anos de idade.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra