Concerto. Dous compositores para un museo

Actualizado 04/12/2017 00:00

museo de pontevedra

Dous compositores contemporáneos renden homenaxe a dúas obras do Museo de Pontevedra, no concerto que se vai celebrar no Sexto Edificio o sábado 9 de novembro ás 19:30 h. Os cadros que inspiran estas creacións musicais que se estrean son un bodegón de arredor de 1660 de Pedro de Camprobín e o retrato Cabeza de negra realizado en1946 por Maruja Mallo, elixido con motivo da conmemoración da artista o Día das Artes Galegas. A entrada e libre.

Dúas épocas e dúas propostas estéticas para inspirar a creación de dúas obras de música contemporánea, un diálogo na procura de espazos a medio camiño entre a abstracción da linguaxe musical e a figuración da obra visual. Unha música que non se limita a describir a pintura, senón que se presenta a si mesma como materia visual. Visualízase aquilo que non se ve, vese o que se escoita no interior de cada cadro.

Hugo Gómez – Chao Porta é o autor da composición No sé con qué decirlos, inspirada no bodegón do século XVII, e Ramón Otero Moreira é o creador de Etopeas, inspirada na obra de Maruja Mallo.

A interpretación musical destas obras que se estrean e outras que completan o concerto, inspiradas en cadros do Museo de Belas Artes da Coruña, está a cargo de: Despina Ionescu Ionescu, violín, Alexandre Llano Díaz, violoncello, Ramón Carnota Méndez, guitarra e Estíbaliz Espinosa Río, mezzosoprano.

ABRIR PROGRAMA COMPLETO E CURRÍCULOS (Mostrar / Ocultar)

PROGRAMA

Penas
Sobre A caída de Ícaro.
Jacob Peter Gowy.
Poema OVÍDIO,
Metamorfoses, VIII, 231-235
César Viana

Corazón del viento
de El jardín bajo la luna
David del Puerto

Nós
Sobre Mariña surrealista.
Urbano Lugrís González
Poema (extracto de Sós) "De catro
a catro" Manuel Antonio
Ramón Otero Moreira

En el atardecer
Sobre Interior de catedral.
Jenaro Pérez Villaamil.
Poema de David del Puerto
David del Puerto

Ventar de árbores
Ramón Otero Moreira

Vanitas vanitatum
con jarrón de flores
Sobre Florero de Juan de
Arellano. Poema Estrella
fugaz de Abraham Gragera
Hugo Gómez – Chao Porta

Luciérnagas
de El jardín bajo la luna
David del Puerto

No sé con qué decirlos
Sobre Bodegón (ca. 1660)
de Pedro de Camprobín
Poema de Abraham Gragera
Hugo Gómez – Chao Porta

Etopeas
Sobre Cabeza de negra (1946)
de Maruja Mallo
Ramón Otero Moreira

COMPOSITORES

Hugo Gómez-Chao Porta (A Coruña 1995). Estuda composición con David del Puerto e dirección de orquestra con George Pehlivanian. Recibe leccións de César Viana, Jesús Rueda e Perluigi Billone. Actualmente cursa un mestrado tutelado por Beat Furrer na Kunstuniversität Graz. A súa música aparece en “Compositores para un Museo” (Museo de Belas Artes da Coruña, 2017) ou no Festival Artes pola Integración (2016). Dirixe formacións como a Xove Orquestra da Comunidade Valenciana, a Orquestra dos Conservatorios de Madrid ou a Orquesta da ESMUC.

Ramón Otero Moreira (Pontevedra, 1982). Recibe clases de Arlene Sierra, Anthony Powers, Eduardo Soutullo e David del Puerto. Obtén o Grao de Salamanca e o DEA en 2009, e o Doutorado en 2012, polo seu traballo sobre dualidade en Debussy. Escribe a Música orixinal de El tragaluz (Escola Ecam de Madrid, 2009) e de Guardianes del Invernadero (mellor documental no Festival de Encinedo, 2015). Nos últimos anos, compaxina a docencia de música e linguas coa composición e a organización de proxectos musicais e interdisciplinares.

INTÉRPRETES

Despina Ionescu Ionescu, violín. Titulada no Conservatorio Superior de Música e Arte Plástica George Enescu Iasi de Romanía. Entre 1984 e 1996 desenvolveu a súa actividade como axuda de concertino na Orquestra do Mar Negro de Constanta. Desde 1996 é membro da Orquestra Sinfónica de Galicia.

Alexandre Llano Díaz, violoncello. Fórmase con Bárbara Switalska, Ruslana Prokopenko e Clara Groba, con quen finaliza estudos na Coruña con Matrícula de Honra. Recibe leccións de solistas como Dimitri Ferschtman, Asier Polo ou Alexander Selezniev, con quen estuda cunha beca no Conservatorio Tchaikovsky de Moscú. Colabora con diversas orquestras como a JONDE, a Orquestra da Escola de Altos Estudos de Santiago ou a OSG, coa que traballa actualmente.

Ramón Carnota Méndez, guitarra. Recibe clases de Eulogio Albalat, Fernando Rodríguez, Álex Garrobé e Carlo Marchione. É galardoado no concurso Andrés Segovia (La Herradura, Granada) e no Concurso internacional de Markneukirchen (Alemania), entre outros. Actualmente compaxina a súa actividade internacional como concertista coa docencia no Conservatorio Superior de Música da Coruña.

Estíbaliz Espinosa Río, mezzosoprano. Dedícase á escrita e ao canto, e curiosea nas converxencias entre literatura e ciencia. Con varios libros de poesía publicados, Curiosidade é o seu último título (Aira, 2017). Estudou canto con Vera Mamleew e Manuela Soto. Colabora escribindo para entidades como a OSG (foi membro do seu Coro). Gravou concertos no Planetario e temas de música renacentista, cine e jazz.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra