Exposición Castillo. A visión dunha obra

Actualizado 29/11/2017 00:00

museo de pontevedra

Do 30 de novembro ata o 28 de xaneiro as salas de exposicións temporais do Sexto Edificio acollen a mostra Castillo. A visión dunha obra, que recolle obra do artista pontevedrés Jorge Castillo. A inauguración terá lugar o xoves 30 ás 20 h.

Esta mostra que nos remite ao universo de Jorge Castillo, ofrece unha panorámica da súa produción pictórica e dibuxística e supón unha chamada de atención sobre a súa intensa vida creativa.

A través deste percorrido expositivo pódese ver unha coidada selección de 87 obras, na súa maioría pinturas, aínda que tamén hai debuxos, referidas ás diferentes etapas de Castillo, desde 1952 ata 2017. Hai que resaltar a inmensa produción do artista en canto a número de obras, variada nas diversas técnicas empregadas (pintura, debuxo, gravado, ilustración, escenografía e cine) e toda difícil de abordar, feito que dará lugar a reflexións renovadas.

A traxectoria de Castillo desenvólvese ao longo de máis de cinco décadas, en diferentes países e cidades, nas que o artista permaneceu fiel aos seus principios, aínda que informado acerca das correntes artísticas que se teñen configurado baixo os cambios profundos que tiveron lugar no mundo contemporáneo a partir da segunda metade do século XX.

Jorge Castillo Casalderrey naceu en Pontevedra en 1933. Pasou a súa infancia e xuventude en Arxentina onde asistiu en 1949 ao taller dos artistas Raquel Forner e Alfredo Bigatti. En 1955 trasládase a España e instálase en Madrid. Viviu en París e Nova York, e expuxo nas máis importantes galerías destas cidades e de España. Ten obra espallada en diversos museos do mundo entre os que cabe destacar o Museo de Bellas Artes de Lausana, as Galerías Nacionais de Edimburgo e Berlín, os Museos de Arte Moderna de San Francisco e Vitoria, a Kunsthalle de Bremen, o Albertina de Viena e o Guggenheim de Nova York.

Foi seleccionado para as Bienais de São Paulo e Venecia e recibiu diversos premios internacionais. Sobre el teñen escrito monografías críticos da relevancia de Werner Haftmann ou Carter Ratcliff.

A exposición no Museo é de acceso libre no horario habitual.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra