O Museo de Pontevedra en curtametraxes. Bases de participación

Actualizado 23/11/2017 00:00

museo de pontevedra

Publicación no BOPPO (01/12/2017)

O Museo de Pontevedra en curtametraxes é un festival que ten como obxectivo fomentar e divulgar o patrimonio cultural entre a infancia e a mocidade da nosa provincia a través das obras e coleccións expostas no Sexto Edificio, edificio Sarmiento e as Ruínas de San Domingos.

QUEN PODE PARTICIPAR

Poderá participar no festival de curtametraxes o alumnado de 5º e 6º de educación primaria, secundaria, bacharelato, graos medios ou formación profesional básica, tanto a título individual como en grupo, a condición de que estean representados por unha persoa maior de idade (pais, nais ou titores ou titoras legais en caso de presentarse de forma individual ou pola dirección ou xefatura de estudos do centro escolar cando se presenten a nivel grupal, xa que todos os participantes son menores de idade a data 31/12/2017.

A participación será gratuíta.

MODALIDADES DE PARTICIPACIÓN

Existen catro categorías de participación:

-Categoría Infantil: para alumnado que curse 5º e 6º de primaria.

-Categoría Benxamín: para alumnado que curse 1º e 2º da ESO.

-Categoría Alevín: para alumnado que curse 3º e 4º da ESO.

-Categoría Cadete: para alumnado que curse Bacharelato, Graos medios e Formación Profesional Básica.

PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES E INSCRICIÓN

Os representantes legais (pais, nais, titores ou titoras) dos candidatos e candidatas ou ben a dirección ou xefatura de estudos dos centros de ensino deberán completar o formulario de solicitude de conformidade cos termos e condicións contemplados nestas bases.

Para inscribirse a data límite é o 31 de decembro de 2017, e para o envío da curtametraxe o 6 de febreiro de 2018, elixindo entre unha das seguintes opcións, especificando sempre en que categoría se inscriben.

1.- Mediante envío postal ou mensaxería dunha copia da curtametraxe e formulario de solicitude á Secretaría do Museo de Pontevedra.

2.- Directamente na Secretaría do Museo de Pontevedra.

3.- En liña, a través do correo-e, ou plataformas de transferencias de datos a curtas.museo@depo.es

Cada participante ou grupo de participantes só poderá presentar unha curtametraxe. Os centros de ensino só poderán presentar dúas curtametraxes por cada categoría.

As obras presentadas nesta edición do festival non poderán ser admitidas para participar en vindeiras edicións do mesmo.

TEMÁTICA DAS CURTAMETRAXES

As curtametraxes presentadas deberán ter como obxectivo resaltar o patrimonio cultural exposto no Sexto Edificio, edificio Sarmiento e Ruínas de San Domingos desde a visión particular da infancia e a xuventude. Serán en galego e poden incluír subtítulos para as persoas con discapacidade auditiva.

CARACTERÍSTICAS TÉCNICAS DAS CURTAMETRAXES

As curtametraxes presentadas ao Festival realizaranse con cámaras, videocámaras, tabletas ou teléfono móbil. Deben estar dirixidas, protagonizadas e realizadas exclusivamente por menores e non poderán durar mais de cinco minutos, incluídos os créditos.

EXHIBICIÓN

As curtametraxes que cumpran os criterios das bases de participación poderán ser visualizadas a través da páxina web www.museo.depo.es , no Facebook do Museo ou a través do canle de Youtube a partires de día 16 de febreiro de 2018 e incluso en dependencias do Sexto Edificio ou do edificio Sarmiento.

SELECCIÓN E PREMIOS

Entregaranse oito premios, dous en cada categoría, previa selección do xurado. A organización do Festival poderá declarar deserta algunha categoría.

As contías dos premios son as seguintes:

Categoría Infantil:

-Primeiro premio: 800 euros.

-Segundo premio: 500 euros.

Categoría Benxamín:

-Primeiro premio: 1.000 euros.

-Segundo premio: 700 euros

Categoría Alevín:

-Primeiro premio: 1.500 euros.

-Segundo premio: 1.000 euros

Categoría Cadete:

-Primeiro premio: 2.000, euros.

-Segundo premio: 1.500 euros

A Gala de clausura do festival, será o venres 2 de marzo de 2018 no salón de actos do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra .

MÁIS INFORMACIÓN:

Museo de Pontevedra. Edificio Fernández López

Pasantería, 2-12 - 36002 Pontevedra ES

Teléfono: +34 986 80 41 00

Fax: +34 886 20 13 01

Correo-e: curtas.museo@depo.es

Web: www.museo.depo.es

VER ACTIVIDADES COMPLEMENTARIAS

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra