O Tesouro de Caldas na exposición El poder del pasado. 150 años de arqueología en España

Actualizado 15/09/2017 00:00

museo de pontevedra

Con motivo de cumprirse 150 anos da súa creación, o Museo Arqueológico Nacional está a preparar a exposición El poder del pasado. 150 años de arqueología en España, incluída dentro da programación de Acción Cultural Española.

Para esta mostra, na que se vai amosar a riqueza do patrimonio de toda a rede de museos arqueolóxicos españois, o Museo de Pontevedra vai achegar nove das pezas máis significativas do Tesouro de Caldas.

Son as tres cuncas, un peite, un gran aro, coñecido como “torque de paletas”, tres aros e unha espiral. Estas pezas, como as demais conservadas do espectacular tesouro están realizadas en ouro macizo dunha grande calidade.

O total deste conxunto da Idade do Bronce, achado en 1940 de forma casual en Caldas de Reis (Pontevedra), é a maior acumulación de ouro coñecida ata hoxe en toda a Prehistoria europea. Pesaba máis de vinte e cinco quilos dos que se conservan os 14,9 que se expoñen de forma permanente no edificio Sarmiento.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra