Homenaxe a José Luis Basanta Campos

Actualizado 16/06/2017 00:10

museo de pontevedra

O mércores 21 de xuño, ás 20 h, dará inicio no salón de actos do Sexto, un acto de homenaxe ao que fora patrono bibliotecario do extinto Padroado do Museo, José Luis Basanta Campos, que faleceu hai seis meses

José Luis Basanta (1924-2016) aínda que era doutor en Ciencias Químicas e desde 1966 desenvolveu a súa profesión como Director Técnico de ELNOSA, tiña súas dúas grandes afeccións: a historia do papel e a reloxería. Sobre estas temáticas publicou numerosos artigos e varios libros.

En 1976 realizou no Museo de Pontevedra a súa primeira exposición de reloxos de sol de Galicia. A mostra incluía unha selección de 119 fotografías de reloxos de sol galegos, e algúns exemplos de fóra de Galicia. Foi esta unha das súas primeiras iniciativas na divulgación destes artefactos para animar a afeccionados e estudosos a afondar neste eido. Seguíronlle a participación no I Congreso del Hórreo en 1985 co relatorio “El reloj de sol en los hórreos pontevedreses”; a publicación de Relojes de piedra en Galicia en 1986, reeditado en 2003 entre outras moitas actividades.

No relativo á historia do papel, foi moi importante a súa achega ao seu estudo e ao das súas filigranas como xeito de datar documentación. Un dos proxectos máis importantes dos estudos papeleiros en Galicia é o que Basanta dirixiu e coordinou de recompilación de filigranas de papel nos principais arquivos galegos, entre o que se atopa o do propio Museo, realizada entre 1995 e 2002. Este traballo leva por título Marcas de agua en los documentos de los archivos de Galicia e foi editado pola Fundación Barrié. Nos últimos anos colaborou coa Asociación Cristóbal Colón Galego no estudo da documentación utilizada por Celso García de la Riega na defensa da súa tese.

Colaborou en diversos proxectos relacionados co Museo e desde 1997 foi Patrono delegado de Biblioteca ata a desaparición do organismo autónomo.

No acto de homenaxe participarán Daniel Buján, director da Biblioteca de Galicia, Eduardo Esteban, presidente da Asociación Cristóbal Colón Galego, e Carlos Valle, director do Museo. Tamén haberá unha intervención por parte da familia.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra