Doazón ao Museo do cartel de Castelao anunciando o xornal Galicia

Actualizado 16/06/2017 00:00

museo de pontevedra

Desde o pasado día 2 forma parte da colección do Museo o cartel realizado por Castelao para anunciar o xornal Galicia. Diario de Vigo que saíu á rúa o 25 de xullo de 1922. O cartel, que gardara o polifacético artista e galeguista Xosé Sesto, foi doado ao Museo polo seu fillo Farruco Sesto Novás.

No seu libro, Castelao na luz e na sombra, Valentín Paz-Andrade, que fora director do xornal vigués, mostraba unha fotografía deste anuncio, a mesma que se exhibiu na exposición Meu Pontevedra! Castelao 1916-1936, que se puido ver no Sexto Edificio o pasado verán, pois non se tiña constancia de que se conservase ningún exemplar deste reclamo publicitario do xornal que pecharía en 1926, despois de padecer durante tres anos as presións da Ditadura de Primo de Rivera.

Para este rotativo Castelao deseñaría a cabeceira e colaboraría na primeira páxina de cada día cos seus debuxos político-sociais, que mostraría con diferentes denominacións, ata que finalmente se xeneralizaría a de Cousas da Vida. Incluso publicaría nel algúns dos seus célebres relatos.

Os orixinais das series As Mulleres e Os Homes, que ocuparon moitos exemplares do rotativo, consérvanse integramente entre os nosos fondos.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra