DÍA INTERNACIONAL DOS MUSEOS 2017

Actualizado 12/05/2017 00:00

museo de pontevedra

18 de maio. Día Internacional dos Museos

Detrás da galería

Trátase dunha visita aos talleres de restauración e ás salas de reserva do Museo no Sexto. O Museo quere abrir as portas daqueles espazos que habitualmente non son accesibles ao público. Estas visitas están pensadas para un público que non sexa profesional ou especializado nos campos da restauración e a conservación de bens culturais, pois pretende ser máis unha achega á cidadanía que unha actividade técnica.

Estarán dirixidas por persoas pertencentes aos departamentos de Conservación e Restauración do Museo. Da súa man poderase descubrir o mundo detrás das galerías visitables.

Celebraranse tres quendas dun máximo de 10 participantes ás 10, 11, e 12 h

É necesario inscribirse previamente en gabinetedidactico.museo@depo.es ou no teléfono 986 804 100 en horario de luns a venres de 8 a 14:30 h

Concerto de música de improvisación libre

Celebrarase ás oito da tarde a cargo de músicos do Conservatorio Manuel Quiroga de Pontevedra que se achegaron a artistas de diferentes disciplinas para desenvolver un espazo de creación libre onde inventar entramados con diversas visións, propostas, comprensións e xeitos de entender a arte.

Os artífices desta actividade serán: Rodrígo Benítez, David Garrido, Eva Gil, David González, Xacobe Lamas, Fran Lavía, Menchu Outón, Marcos Padrón, Bea Sánchez e Federico Vázquez.

Terá lugar na zona de cristal do Sexto, e a entrada é libre ata completar o aforo.

20 de maio. Noite dos Museos

Este sábado, o primeiro despois do Día Internacional dos Museos, dedícase á celebración internacional da Noite dos Museos. Como cada ano o Sexto e o Sarmiento manterán as súas portas abertas ao público ata as doce da noite, de maneira excepcional.

Tal e como aconteceu o ano anterior, profesorado e alumnado da Escola de Arte Dramático de Galicia realizarán unha peza especialmente pensada para esta conmemoración.

Xeometrías en fuga é unha achega escénica na que se fai un percorrido polas pezas o artista Luis Caruncho a través de tres etapas que marcaron a súa obra: a xeometría, o cromatismo e o ritmo infinito. Na estrutura ideada desde a ESADG poderase ver o seu proceso de creación, como comeza na xeometría e no postcubismo para derivar nas series monocromas.

Neste proxecto, que suma 39 persoas, intégranse tres especialidades: Interpretación, Escenografía e Dirección de Escena. Abordarase a visión plástica do pintor coruñés Luis Caruncho, reflectida na exposición temporal que actualmente se lle dedica no propio Museo, aplicando coñecementos específicos da Arte Dramática: movemento expresivo, deseño espacial e de obxectos e a composición escénica.

Faranse dous pases, ás 19:30 e ás 21: 30 h, para público de todas as idades. A entrada será libre ata completar aforo

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra