Exposición Caruncho, sempre

Actualizado 04/05/2017 00:00

museo de pontevedra

Do 5 de maio ata o 9 de xullo o Sexto Edificio acolle a mostra antolóxica dedicada a Luís Caruncho. A través das sesenta obras, seleccionadas polo seu comisario, Miguel Fernández-Cid, ofrece a evolución do pintor ao longo da súa vida.

Proposta inicialmente como homenaxe para conmemorar unha data redonda na vida de Luis Caruncho (A Coruña 1929 – Madrid 2016), esta exposición debíase preparar xunto a el, como repaso dialogado a unha traxectoria intensa. A morte do artista fai que Caruncho,sempre teña un carácter especial, como a súa primeira evocación global en imaxes. O inicial percorrido por obras incontestables, a suma de valores sólidos, deixa paso agora a un retrato no que o persoal asoma noutro grupo de obras menos coñecidas, algunhas apenas expostas, gardadas nos recantos do taller, a carón de bosquexos e mais algún proxecto á espera do momento de ser desenvolvido. Unha exposición con moitos ecos, centrada en ideas clave na traxectoria de Caruncho, como a investigación, o construtivo, a orde interna, o xogo, a medida, a vida, o traballo, a arte, Galicia ou unha práctica cálida do diálogo, visible nas súas homenaxes.

Exposición Caruncho, sempre

Caruncho, sempre quere mostrar un artista singular, vitalista e de ánimo positivo, que teimaba en lle dar á arte escala e sentido social. Un artista que no dubida en implicarse en empeños culturais que o obrigan a desprazar as horas do taller, que de inmediato intensifica. Impulsor de proxectos privados, coma as galerías Gianini na Coruña ou Kandinsky en Madrid, colaborador da Fundación Barrié de la Maza, do Museo Unión Fenosa, da Fundación Camilo J. Cela, responsable do Centro Cultural del Conde Duque en Madrid, o tempo será o que axude a situar a obra plástica de Luis Caruncho no espazo que lle corresponde, entre as propostas que definen o desenvolvemento da arte europea do século XX.

Ver visitas guiadas

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra