Visitas cruzadas reúne a oito persoeiros da cultura galega para amosar o Museo a través das emocións

Actualizado 28/04/2017 00:00

museo de pontevedra

Visitas Cruzadas é o título da iniciativa que o Museo porá en marcha durante os catro domingos do mes de maio para dar a coñecer os seus fondos da man de oito persoeiros de relevancia no panorama cultural galego.

Cada un dos persoeiros actuará de “guía ocasional”, para o que seleccionará un percorrido de 30 minutos de duración, escollendo libremente as pezas da colección do Museo que estime oportunas, e contando co asesoramento do equipo do gabinete didáctico. A través de cada percorrido, as e os guías irán explicando as súas visións persoais das obras e os motivos das súas escollas.

Inscricións

En cada unha das visitas, que serán de balde, poderán participar 50 persoas previa inscrición. Estas deben realizarse exclusivamente vía correo electrónico no enderezo do gabinete didáctico: gabinetedidactico.museo@depo.es. Cada luns, a partires das 10h, abrirase o prazo para anotarse para a visita do domingo desa semana. As 50 primeiras inscricións realizadas por estrita orde de entrada dos correos serán as participantes desa semana.

Poderán inscribirse persoas de 14 anos en adiante e en cada correo electrónico poden facelo un máximo de catro participantes.

As visitas

Cada xornada inclúe dous itinerarios diferentes de 30 minutos de duración, e cada un deles correspondente a unha persoa que exerce de ‘guía ocasional’. Cada unha destas dúas persoas comeza o seu itinerario guiando a un grupo de 25 participantes e ao cabo da media hora, os participantes de cada grupo cambian de guía. (E a persoa guía volve facer o itinerario co seguinte grupo).

Ao final da segunda media hora, ambos grupos e ambas persoas guía re-encóntranse na planta superior do Sexto, onde a zona da terraza funcionará como espazo de intercambio de opinións de xeito distendido. O horario destas visitas será de 12h a 13:30h.

Calendario e guías

7 de maio: Uxía Senlle (cantante) e Isabel Risco (actriz)

14 de maio: Jorge Coira (director de cinema) e Manuel Gago (xornalista e blogger)

21 de maio: María Lado (actriz e poeta) e Kiko Novoa (xornalista)

28 de maio: Iria Collazo (escritora) e Quico Cadaval (actor e dramaturgo)

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra