O Museo recibe en doazón a biblioteca e o arquivo de José Luis Souto

Actualizado 10/04/2017 00:00

museo de pontevedra

Os fondos bibliográficos e documentais do Museo víronse recentemente incrementados coa incorporación do arquivo e biblioteca persoais de José Luis Souto (1942-2016) que foron legados no seu testamento.

O arquivo e biblioteca de José Luis Souto, composta por aproximadamente 18.000 títulos de monografías e gran número de folletos, é un fiel reflexo da ampla e diversa traxectoria profesional do seu creador e supoñen un complemento moi enriquecedor para os que conforman xa a extensa área de documentación do Museo en canto ás disciplinas histórico-artísticas. Destacan especialmente entre os seus fondos os estudos sobre arte suramericana, máis concretamente acerca do barroco mexicano, os orixinais de investigacións e informes pertinentes na súa faceta para a defensa do Patrimonio á fronte de ADELPHA e os materiais das empresas das que foi promotor, como a colección completa do diario Madrid.

José Luis Souto, nacido en Pontevedra, licenciouse en Dereito na Universidade Complutense de Madrid e completou a súa formación académica en Filosofía e Historia da Arte na Universidade Libre de Bruxelas, ámbito este último que lle permitiu exercer unha breve función docente na Cátedra de Historia da Filosofía da Complutense madrileña entre 1966 e 1968.

Desde 1966 tamén forma parte do consello de administración do diarioMadrid no que estaba á fronte Rafael Calvo Serer e que, cun nutrido grupo de grandes xornalistas como Miguel Ángel Aguilar ou José Oneto, converteuse nun medio aperturista fronte á ditadura franquista, chegando a ser considerado como un dos xornais máis destacados da prensa independente, pechado polo réxime en 1971.

Aínda que consolida a súa faceta profesional entrando no Corpo de Secretarios de Cámaras da Propiedade Urbana en 1974 e un ano máis tarde no Corpo Técnico da Administración, desenvolve unha intensa actividade na defensa do patrimonio natural e artístico participando na fundación da Asociación para a Defensa Ecolóxica e do Patrimonio Histórico-Artístico en 1973, ADELPHA, ocupando unha das súas vicepresidencias ata a desaparición do organismo en 1980. Pouco despois volve participar na creación en 1982, con Santiago Amón, do Centro de Estudos sobre o Patrimonio Histórico-Artístico Ambrosio de Morais, do que foi secretario xeral ata o momento da súa morte.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra