Faladoiro con Maruja Mallo

Actualizado 05/04/2017 00:00

museo de pontevedra

O Museo de Pontevedra súmase á homenaxe derivada do Día das Artes Galegas, este ano dedicado á gran artista de Viveiro, Maruja Mallo (Ana Mª Gómez González, 1902-1995), da que o Museo posúe tres obras: Cabeza de negra (1946), óleo de singular importancia e beleza e dous debuxos de corte surrealista da súa serie Fantásticas criaturas, tamén da súa etapa americana.

Os venres 7, 21 e 28 de abril ás 18 horas terá lugar un percorrido sensorial a través da vida e a obra desta artista partindo do encontro e o diálogo no Faladoiro con Maruja Mallo. Este diálogo producirase a partir de fotografías, obxectos, poesía e imaxes que ocuparán un espazo creado polo Gabinete Didáctico para tal efecto e servirá para coñecer á pintora e a súa obra dunha forma diferente.

Tras o faladoiro iniciarase un camiño pola colección do Museo facendo pequenas paradas diante da obra de artistas vinculados con ela, para poñer o colofón na descuberta e contemplación das súas tres obras orixinais, tras ter visitado un “roteiro” que inclúe obras de Dalí, Alberti, Benjamín Palencia ou Julia Minguillón, entre outras.

O punto de encontro será a entrada do Sexto Edificio ás seis da tarde. Non se precisa inscrición previa.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra