Audicións de música clásica comentadas

Actualizado 06/03/2017 00:00

museo de pontevedra

O venres 10 de marzo, no salón de actos do Sexto Edificio, comezará a oitava edición das Audicións de Música Clásica Comentadas, dirixidas e presentadas polo profesor Manuel López-Benito.

Este curso constará tamén de catro ciclos. No primeiro semestre trataranse dous temas: “A música clásica á luz dos seus intérpretes” e “Fontes de inspiración musical”. Cada un dos ciclos desenvolverase en catro xornadas, que se celebrarán os venres de 19:30 h a 21:30 h

PROGRAMA

A música clásica á luz dos seus intérpretes

Venres, 10, 17, 24 e 31 de marzo

A Música, ao contrario que as artes visuais, precisa de “intermediarios” entre o compositor, a súa obra e o público. Debe espertarse da partitura para “soar” e os encargados de que isto ocorra son os intérpretes e a dirección orquestral. Por iso, cada espertar é diferente e cada intérprete achega ao resultado final da audición a súa propia visión da obra. Neste bloque temático escoitaranse e analizaranse Grandes Obras da Música Clásica desde o punto de vista de diversos e recoñecidos intérpretes.

Fontes de inspiración musical

Venres 2, 9, 23 e 30 de xuño

Neste ciclo escoitaranse e analizaranse algúns dos diversos motivos que teñen inspirado aos compositores no seu labor creativo. A literatura, as paixóns humanas, a Natureza nas súas múltiples manifestacións, a Mitoloxía, os aspectos biográficos do compositor que determinaron un estado de ánimo durante o feito creativo, representan algunhas das musas que teñen servido de inspiración para infinidade de páxinas musicais.

Esta actividade é de entrada libre ata completar o aforo.

Abrir programa en pdf

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra