Exposición Soños. Miguel Vidal

Actualizado 15/02/2017 00:00

museo de pontevedra

O Sexto Edificio do Museo alberga do 16 de febreiro ao 16 de abril a exposición Soños do fotógrafo pontevedrés Miguel Vidal, da que é comisario Ramón Rozas.

Na mostra exhíbense sesenta fotografías de formato grande, nas que alternan a cor e o branco e negro. Son unha escolma das series creativas realizadas nos últimos anos: Room 111, The Farm e Meeting Point.

Premer nas imaxes para ampliar

En palabras do comisario as fotografías de Vidal son:

“Espazos. Puntos de encontro nos que percibir unha experiencia, xeografías nas que capturar un instante entre o real e o irreal. Entre o suxerido e o desexado”. […] “Miguel Vidal aposta no seu traballo por darlle corpo a esa imaxe íntima, a esa evocación dun mundo de soños, de realidades mentais dun subconsciente en estado de alerta que, posteriormente, reflicte nunha serie de imaxes dunha enorme potencia visual e dunha intensidade que conmove a un espectador atafegado polo visto, por asomarse a ese outro lado repleto de vidas, de existencias xurdidas dun abismo que só cando se topan cun creador saen á superficie para respirar, entrando a formar parte do noso propio universo”.

“Así é como as fotografías de Miguel Vidal compoñen un itinerario por un universo onírico que nos mergulla en diferentes escenarios conformados como series”.[…] “Universos perfectamente definidos nos que a figuración protagoniza un proceso que nos vai aproximando a todas e cada unha desas protagonistas femininas proporcionándonos unha colección de imaxes cheas de turbación, misterio, sofisticación e curiosidade”.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra