Exposición Mirar con Tacto. Pintura para Discapacidade Visual

Actualizado 09/02/2017 00:00

museo de pontevedra

A Fundación María José Jove e a Obra Social “la Caixa” traen a Pontevedra a exposición itinerante _Mirar conTACTO_ Pintura para Discapacidad Visual, un proxecto expositivo de ambas entidades para promover a integración das persoas con déficit visual e sensibilizar á poboación xeral, ademais de satisfacer a demanda cultural de persoas con déficit visual no campo das artes.

Tras o seu paso por Vilalba, Monforte de Lemos e O Carballiño, _Mirar conTACTO_ Pintura para Discapacidad Visual poderá verse no Museo de Pontevedra desde o 9 de febreiro ata o 19 de marzo e vén acompañada dunha completa programación de actividades específicas para tres colectivos: familias, persoas con déficit visual e escolares.

Contido

Mirar conTACTO foi deseñada para ser un evento de participación activa, tanto do público con discapacidade visual como do público xeral, simultaneando a experiencia de “ver” as obras co tacto e mediante a realización de actividades didácticas complementarias.

A mostra consta de seis pezas: dúas esculturas de bronce orixinais (El abrazo (2003) de Juan Genovés e Dama del sombrero (1972) de Cristino Mallo) e catro cadros que foron creados especificamente para ser tocadas, de maneira que ademais de ser gozadas mediante o sentido da vista, se poden sentir tamén co tacto e o oído, abrindo a porta do mundo da arte a persoas con discapacidade visual.

Para isto, mediante unha nova técnica denominada Didú, reproducíronse a tamaño real catro obras da Colección de Arte Fundación María José Jove: Madonna con rosa mística de Salvador Dalí, Vista de pésame de Darío Regoyos, Queens of London de Carlos Alcolea e Interior con Julia de Ramón Casas. E é que para conseguir que o proxecto sexa unha experiencia artística completa para os usuarios e usuarias, seleccionáronse obras de arte de estilos e concepcións estéticas diferentes que permiten que as persoas con discapacidade visual poidan coñecer diferentes linguaxes plásticas empregadas na arte durante o último século. A experiencia complétase escoitando simultaneamente a locución dunha audioguía, que vai dirixindo e explicando o percorrido táctil de cada obra.

As actividades

A exposición, na que haberá sempre un monitor para guiar o percorrido, ten ademais como columna fundamental un completo programa de actividades, que son fundamentais para desenvolver os obxectivos propostos. Hai tres tipos de actividades e materiais diferenciados: para persoas con problemas de visión, para escolares ou para familias.

Dadas as características especiais da exposición, o aforo será limitado e poderase ver restrinxido segundo a afluencia de público.

As actividades compleméntanse con obradoiros para grupos de escolares, persoas con discapacidade visual e familias, para os que é mellor inscribirse previamente.

Obradoiro para persoas con discapacidade visual e escolares (desde E.I ata Bacharelato):

Polas mañás de martes a venres.

Máximo de persoas por quenda: 12

É necesaria inscrición previa

obradoiros para familias:

Sábados (11:30 h e 17:00 h) e domingos (11:30 h)

Máximo de persoas por quenda: 12

É necesaria inscrición previa

Para inscribirse: contactar co Gabinete Didáctico: tlf. 986 804 100 extensión 42413 ou por correo electrónico gabinetedidactico.museo@depo.es (recepción de correos-e e chamadas de luns a venres de 8:00 h a 15:00 h).

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra