XV Memorial Filgueira Valverde

Actualizado 26/01/2017 00:00

museo de pontevedra

O XV Memorial Filgueira Valverde, organizado polo Museo e a Vicerreitoría da Universidade de Vigo, dará comezo o mércores 1 de febreiro e abordará catro capítulos esenciais na traxectoria de Francisco Javier Sánchez Cantón, aproveitando o 125 aniversario do seu nacemento, que se vén de cumprir no 2016.

As conferencias celebraranse no Sexto Edificio e na Casa das Campás os días 1, 8, 15 e 22 de febreiro ás 20 h e están abertas á participación das persoas interesadas ata completar o aforo das salas.

Sánchez Cantón nunha conferencia en Lisboa en 1943

O pontevedrés Francisco Javier Sánchez Cantón foi unha das grandes personalidades do seu tempo no ámbito dos estudos humanísticos tanto galegos como españois. Subdirector primeiro (1922) e director despois (1960) do Museo del Prado, foi tamén, entre outras moitas distincións e cargos que ocupou ao longo da súa vida, Membro de Número da Academia de Belas Artes de San Fernando (1921), da Historia (1934) e da Española (1949), chegando a presidir simultaneamente, feito excepcional, as dúas primeiras institucións.

Sánchez Cantón foi autor de máis de oitocentos títulos e participou activamente na fundación e desenvolvemento do Museo de Pontevedra, ao que lle legou o seu arquivo e a súa biblioteca privadas e do que foi nomeado Director Honorario. Tivo unha relación moi estreita con Castelao, asumindo persoalmente a dirección da edición, realizada en Madrid, do Álbum Nós.

O primeiro dos relatorios terá lugar o día 1 no salón de actos do Sexto Edificio e correrá a cargo de Carlos Valle. O director do Museo abordará a relación de Sánchez Cantón con esta institución museística, contextualizándoa na época histórica que estaba a vivir a cidade de Pontevedra a nivel cultural e intelectual. "Sánchez Cantón e o Museo de Pontevedra (coa cidade ao fondo)" é o seu título.

Na Casa das Campás, celebrarase a segunda sesión o día 8 de febreiro. Será a responsable do Arquivo Documental do Museo, María Jesús Fortes Alén, a que diserte sobre a relación entre Sánchez Cantón e Castelao. Fortes Alén, que ten publicados diversos traballos sobre os fondos do arquivo do Museo, fixo tamén a recollida para a bibliografía de Filgueira Valverde. A súa intervención no Memorial repasará os fitos máis destacados que vinculan a estes coñecidos persoeiros, dos cales a fundación do Museo pontevedrés e a colaboración para a publicación do Álbum Nós figuran entre os máis coñecidos.

A terceira sesión celebrase o 15 de febreiro no Sexto Edificio baixo o título "Sánchez Cantón no Museo del Prado durante a Guerra Civil" e correrá a cargo de Judiht Ara Lázaro, coordinadora xeral técnica deste Museo estatal. Ara Lázaro ten participado como comisaria técnica en varias exposicións de carácter internacional, entre as que destaca a súa participación na mostra "Arte Protegido. Memoria de la Junta del Tesoro Artístico durante la Guerra Civil" celebrada en 2003 no Museo del Prado e organizada conxuntamente co instituto del Patrimonio Cultural de España. Sobre este período particularmente complicado para a conservación da arte falará no Memorial en relación á tarefa desenvolvida por Sánchez Cantón no Museo del Prado.

O Memorial pecharase o día 22 na Casa das Campás co relatorio titulado "Sánchez Cantón e o Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos". Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, doutor en Historia Medieval e director do Instituto Padre Sarmiento, será o encargado de ilustrar o traballo de Sánchez Cantón a prol da investigación e da dinamización da cultura galega no marco desta institución.

Programa en pdf

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra