Unha nova doazón para a biblioteca e o arquivo gráfico do Museo

Actualizado 01/08/2016 00:00

museo de pontevedra

O Museo incrementou recentemente os seus xa ricos fondos bibliográficos e fotográficos cunha incorporación excepcional: o arquivo gráfico e a biblioteca legados testamentariamente polo Dr. Jean-Claude Vinourd (1933-2015). Este afamado cirurxián francés, parisiense con raíces familiares no Limousin, formouse nos hospitais da prestixiosa “Asistencia Pública de París”, da que foi Xefe de Clínica-Profesor Adxunto. Asentouse finalmente en Rouen (Normandía), onde comezou a interesarse pola arte Románica, estilo no que, a pesar de non ser historiador profesional, foi un gran especialista, recoñecido e valorado como tal polos maiores expertos.

Jean-Claude Vinourd comezou a relacionarse con Galicia, pola que peregrinou fotografando os seus monumentos románicos, nos anos setenta da pasada centuria, sendo máis frecuentes as súas visitas, a partir da década seguinte, debido á estreita relación persoal que tiña cos responsables do Museo de Pontevedra. Máis tarde foi colaborador tamén das Rutas Cicloturísticas do Románico.


Compoñen o legado, por unha banda arredor de 15.000 diapositivas de gran formato así como centenares de negativos e fotografías en branco e negro de monumentos románicos de toda Europa, singularmente de Francia e o norte da Península Ibérica. O conxunto, valioso en si mesmo pola súa entidade, éo tamén e sobre todo pola calidade dos materiais que o compoñen. Moitas fotografías, ademais, documentan monumentos, aspectos ou detalles hoxe modificados ou mesmo xa inexistentes.

Integran a segunda parte do legado un nutrido bloque de monografías e revistas científicas especializadas na arte da Idade Media, en xeral, e do de tempos do Románico, en particular.

Coa recepción de todos estes materiais o Museo, posuidor xa dunha biblioteca e uns arquivos moi valiosos, reforza a súa significación como un centro de imprescindible referencia para a investigación, en xeral, e para a do noso Patrimonio histórico-artístico, en concreto.

O Museo de Pontevedra, ao dar conta deste valioso legado testamentario, agradece publicamente a extraordinaria colaboración que para a súa materialización recibiu dos familiares do Dr. Jean-Claude Vinourd e, moi especialmente, da súa viúva, Anne-Marie Montaigne-Vinourd.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra