Exposición Meu Pontevedra! Castelao 1916-1936

Actualizado 29/06/2016 00:00

museo de pontevedra

Ata o 11 de setembro poderase ver no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra a exposición Meu Pontevedra! Castelao 1916-1936, coa que se conmemora a súa chegada á cidade do Lérez en xaneiro de 1916 para ocupar a praza de funcionario de Estatística.

O título recolle o remate do texto escrito por Castelao, xa no exilio, sobre os vinte anos que viviu en Pontevedra.

Nela amosarase, ademais da súa plena integración na vida cultural da cidade, na que participou intensamente, o amplísimo labor desenvolvido nos eidos da creación artística, literaria e, finalmente, política ao se converter en líder do Galeguismo.

Premer nas imaxes para ampliar

Óleos, acuarelas, debuxos, gravados ao linóleo, fotografías, libros, revistas, xornais, cartas e documentos manuscritos, propaganda e carteis electorais... encherán na súa totalidade o espazo de exposicións temporais do Sexto Edificio.

Ademais das obras conservadas no Museo de Pontevedra, algunhas exhibidas agora por primeira vez, reúnense na mostra as doutras institucións e de coleccións particulares, algunhas delas pertencentes a familiares de persoas que estiveron intimamente relacionadas con Castelao.

O 28 de xuño, día escollido para a inauguración da exposición, foi un día emblemático para Galicia. Nel tivo lugar en 1936 a celebración do referendo do Estatuto de Autonomía e tamén nese mesmo día, pero de 1931, celebráronse as eleccións ás Cortes Constituíntes nas que Castelao sería elixido deputado.

Os vinte anos de estadía en Pontevedra, cidade na que sempre se sentiu moi a gusto e que tanto botaría de menos desde o exilio, son os anos nos que Castelao desempeñou a súa actividade profesional como funcionario, nos que dá clases de debuxo no Instituto, nos que realiza múltiples caricaturas de personaxes da cidade e de moitos amigos. Son os anos do ingreso nas Irmandades da Fala, das conferencias sobre arte e galeguismo; da creación dos debuxos do Álbum Nós; da revista Nós; das viaxes de estudos de 1921 (Francia, Bélxica, Alemaña) e 1929 (Bretaña); da participación no Seminario de Estudos Galegos e do ingreso na Real Academia Galega; do labor desempeñado na creación da Sociedad Coral Polifónica e do Museo de Pontevedra; da intensa actividade desempeñada como debuxante e caricaturista en revistas e xornais, algúns deles dunha ampla tirada que o farían moi popular. Son tamén os anos nos que debuxa e estuda cruces e cruceiros; nos que escribe Un ollo de vidro; os relatos de Cousas e Retrincos; a novela Os dous de Sempre; nos que inicia, con Pimpinela, o que será logo Os vellos non deben namorarse. É tamén a época na que ilustra os libros doutros escritores; na que deseña as cabeceiras de diversas publicacións; na que crea ex libris para diferentes amigos; na que traza os escenarios para Divinas palabras de Valle-Inclán . Son anos nos que fai novas amizades pero tamén nos que teñen lugar acontecementos adversos, como os seus problemas coa vista, a perda do seu fillo de catorce anos ou o desterro en Badajoz.

Todos estes aspectos contémplanse nesta exposición na que, así mesmo, se pon de manifesto o cambio ideolóxico que experimentou o artista na súa nova residencia. Este cambio quedou moi ben reflectido nos debuxos orixinais do Álbum Nós, en paradoiro descoñecido desde 1931 e localizados nos traballos de investigación e preparación da mostra, e finalmente ao convertérense, a partires de 1931, en líder do galeguismo, apartado co que se pechará o percorrido expositivo que organiza o museo que el contribuíra a crear.

VISITAS GUIADAS POLO GABINETE DIDÁCTICO DO MUSEO

Martes e xoves ás 12 h. Mércores, venres e sábados ás 18 h.

Para todos os públicos.

Non se precisa inscrición previa.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra