Retrato dun marqués. José Riestra López, Primeiro Marqués de Riestra

Actualizado 23/06/2016 00:00

museo de pontevedra

José Riestra non só foi o promotor da Sociedad de Alumbrado Eléctrico de Pontevedra, senón que materializou outras moitas empresas. Unha delas a Fábrica de cerámica La Caeyra, que comezou a súa actividade en 1895, e cuxa produción fundamental consistiu na fabricación de ladrillos e tellas.

Tamén participou na construción do tranvía a vapor que uniu Pontevedra con Marín, aínda que o seu labor máis complicado foi o da construción do complexo termas de A Toxa. Riestra loitou na creación porque este competise cos principais centros existentes noutros lugares da provincia como Mondariz ou Caldas de Reis, dous grandes referentes termais nesa época.

Asemade José Riestra participou activamente na vida política do momento e foi deputado en Cortes polo distrito da Estrada, e máis tarde pasou a formar parte do Senado.

Importante foi tamén o seu labor filantrópico, entre o que destaca a utilización do seu pazo da Caeira como hospital para tratar aos feridos da guerra de Cuba. Feitos coma este fixérono merecedor de numerosos recoñecementos e distincións entre os que destaca o seu nomeamento como Marqués de Riestra, outorgado por Real Decreto de 4 de febrero de 1893. Tamén recibiu a Cruz e Gran Cruz do Mérito Militar con distintivo branco, a Gran Placa da Cruz Vermella, e a consideración de Benfeitor da Provincia que lle brindou a Deputación de Pontevedra. Esta institución encargoulle ao pintor pontevedrés Benigno López Sanmartín un retrato deste persoeiro para instalalo no salón de plenos.

Este óleo, no que José Riestra pousa de pé en posición de tres cuartos, vestido cun frac negro con camisa e gravata de lazo brancas e lucindo diversas condecoracións, exhíbese actualmente no Sexto Edificio.

Neste artigo preséntase a figura do I Marqués de Riestra, o seu labor filantrópico e empresarial e tamén se analiza o retrato no que López Sanmartín o inmortalizou.

Ver artigo completo en PDF

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra