Proxecto Telearqueoloxía

Actualizado 26/05/2016 00:00

museo de pontevedra

Telearqueoloxía será un proxecto aberto á participación da cidadanía, ben a través de colectivos, universidades ou concellos, ben a través de persoas físicas relacionadas con este ámbito, como poden ser docentes ou investigadores.

Establécense tres fases: a primeira delas, denominada Arqueo-rede, vai encamiñada a crear grupos de traballo. No Grupo Menhir incluiranse as persoas físicas: investigadores, docentes e profesionais do ámbito da historia, da arqueoloxía, das ciencias sociais e da comunicación; e no grupo Dolmen integraranse os concellos, universidades, museos, centros de estudos arqueolóxicos, e asociacións culturais, ambientais e veciñais.

Unha segunda fase, a celebrar ata o mes de outubro, contempla a realización de obradoiros formativos, tanto de investigación arqueolóxica como de vídeo-investigación. Impartirase formación sobre como realizar unha investigación, a través de casos prácticos de investigacións arqueolóxicas, e ensinarase a crear e editar as investigacións e formato dixital. Estes obradoiros desenvolveranse nas sedes do Grupo Dolmen e permitirán a participación de público tanto maior como menor de idade. No caso de persoas menores de idade os obradoiros serán canalizados a través de institutos e centros de formación.

Finalmente, entre os días 14 e 16 de decembro, celebrarase o festival audiovisual de curtametraxes de temática arqueolóxica, con dúas categorías. A Categoría "Lascas" para curtametraxes dun máximo de 5 minutos realizadas por menores de 18 anos; e a Categoría "Bifaces" para curtametraxes dun máximo de 15 minutos realizadas por maiores de idade. Poderase participar de xeito individual ou colectivo a través de centros de ensino, agrupacións culturais, asociacións e universidades. Estableceranse tres premios en cada categoría.

Máis información en:

www.museo.depo.es/telearqueoloxia

https://www.facebook.com/Telearqueoloxia

https://www.youtube.com/channel/UCqWMIgyZ36gHBxsw0OdbsmA

https://es.pinterest.com/telearqueoloxa/telearqueoloxia

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra