Cancións do século XX de Galicia, Cataluña e Latinoamérica

Actualizado 01/10/2014 00:00

museo de pontevedra

A soprano Begoña Salgueiro, acompañada ó piano por Brais González, vai facer no Sexto Edificio un percorrido pola canción de concerto española e latinoamericana da primeira metade do século XX. Será o sábado 4 ás 20 h.

O programa abrirase cunha escolma de cancións galegas.

Begoña Salgueiro

Nacida en Vigo, comeza a cantar a idade temperá. Trasládase a Madrid e posteriormente a Italia.

Ten o privilexio de formarse con artistas de gran prestixio, como Montserrat Caballé, Renata Scotto, Nancy Argenta, Mitsuko Shirai, Miguel Zanetti, etc. Completa a súa formación artística cos directores de escena Simona Gonella (Teatro Piccolo de Milán), Stephen Langridge (The Royal College de Londres) e Giancarlo del Monaco.

As súas inquietudes persoais máis alá da música lévana a licenciarse en Humanidades por San Pablo CEU e en Filoloxía Italiana pola Universidade Complutense de Madrid.

Recibe unha bolsa da Universidade Carlos III e da Fundación Kraus, con profesores do talle de Dante Mazzola (asistente de Riccardo Muti) e de Mirella Freni, respectivamente. É premiada pola Fundación Orfeo.

Actuou en recoñecidos festivais como Are More, Espazos Sonoros, Festival de Edinburgo, e en auditorios, salas, institucións e teatros como o Teatro Real (xunto a Plácido Domingo), o Auditorio Nacional de España, o Auditorio Alfredo Kraus de Las Palmas de Gran Canaria, o Auditorio de Vigo (é a primeira artista en estrealo xunto a Luz Casal), o Círculo de Belas Artes, a Casa de Velázquez, a World Fishing Exhibition, o Parlamento Europeo, a Basílica de San Pedro do Vaticano e tamén, asiduamente, en Francia, Italia, Portugal e EUA, dirixida por importantes batutas.

O seu repertorio abrangue ópera, zarzuela, oratorio, lied, canción de concerto e mesmo música contemporánea, debido á versatilidade da súa voz, que lle permite realizar roles tanto de soprano coma de mezzosoprano.

En 2011 funda a súa propia compañía, Opera Magenta, na que aborda un repertorio operístico sempre dende un punto de vista didáctico e contemporáneo, xa con varios espectáculos ás súas costas e cun notable éxito.

En 2014 saca ó mercado o seu disco- libro Doce canciones gallegas xunto ó pianista Brais González, proxecto apoiado pola Xunta de Galicia e outros organismos públicos como a Deputación de Pontevedra, que recibe excelentes críticas e que é presentado por gran parte de Galicia. Tal é o éxito que se encontra xa na súa segunda edición.

Brais González

Nace en Vigo e inicia os seus estudos de piano na súa cidade natal. Continúa a súa formación na Universidade Mozarteum de Salsburgo (Austria) baixo a dirección do pianista Rolf Plagge.

Asiste a clases maxistrais con numerosos mestres e concertistas entre os que cabe destacar a Oxhana Yablonskaya, Vitaly Margulis, Galina Egiazarova, Luiz de Mora Castro, Jun Kanno, Niklas Sivelov ou Luis Fernando Pérez.

En 2013 foi premiado na XVIII edición do Concurso Internacional de Piano Cidade de San Sebastián. En 2012 obtivo o premio Gregorio Baudot no Concurso Internacional Cidade de Ferrol. Tamén foi galardoado pola Fundación Musical de Málaga. Gañou premios en concursos internacionais como o Concours Nikolai Rubinstein de París, o Concurso Maria Campina de Faro (Portugal) ou o Concurso Ricard Viñes de Lleida.

Actuou como solista e acompañante en diversas cidades de España, Portugal, Francia, Holanda, Austria, Alemaña e Reino Unido.

Como compositor, compuxo varias obras que foron estreadas pola Orquestra do Conservatorio Mayeusis e realizou encargos para a Escola Profesional de Música de Viana do Castelo (Portugal).

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra