Víctima del trabajo, un cadro de Jenaro Carrero

Actualizado 29/04/2014 00:00

museo de pontevedra

No ano 1899 o pintor galego Jenaro Carrero Fernández (1874-1902) presentou á Exposición Nacional de Bellas Artes a súa obra Victima del trabajo, un cadro de grandes dimensións pensado para tal certame, co que ganou unha Segunda Medalla.

Óleo/lenzo, 300 x 397 cm

Esta obra, depositada polo Museo del Prado, exponse na actualidade no Sexto Edificio, despois de ser restaurada. Fora localizada en 2001 logo de moitos anos desaparecida.

Durante ese tempo só se tiñan referencias gráficas e as noticias publicadas no seu día sobre ela e só se dispoñía dun cadro, propiedade do Museo de Pontevedra, de dimensións moito menores, que servira de modelo para a obra definitiva.

Óleo/lenzo, 61 x 93'5 cm

Tanto o modelo como o cadro premiado representan o traslado dun obreiro accidentado nun carro de vacas. Del só se destacan os pés. As diferenzas entre ambos pódense apreciar nestas imaxes.

O Realismo Social triunfaba nas Exposicións Nacionais desde 1890, desprazando o tema de historia.

Jenaro Carrero foi un dos membros da denominada Xeración Doente, nome que utilizaron Bello Piñeiro e Filgueira Valverde para referirse a un grupo de artistas de finais do s. XIX que morreron arredor dos 30 anos. De Jenaro Carrero o Museo expón un número considerable de obras.

No seguinte artigo Ángeles Tilve Jar trata de forma detallada as vicisitudes polas que pasou este cadro e diferentes aspectos estilísticos e históricos do mesmo.

Ver artigo

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra