En Paralelo: Noites de Literatura e Cine

Actualizado 17/01/2014 09:48

museo de pontevedra

O xoves 23 ás 20 h, coa intervención do xornalista Juan de Sola presentando o seu libro La cara más dura de la esperanza, celébrase a primeira sesión deste ano do ciclo En paralelo. Completarase esta sesión o día 29 coa proxección da película El jardinero fiel (Fernando Meirelles, 2005).

A Deputada de Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo, abrirá este acto no que intervirán, ademais do Juan de Sola, Fernando Pérez Poza, escritor e responsable da editorial El taller del poeta que publica o libro, e Cristian Casares, xornalista de La Voz de Galicia, que conducirá a presentación dos participantes.

Juan de Sola é un xornalista especializado no ámbito social e Comunicación para o Desenvolvemento que leva vinte anos traballando en medios nacionais de radio e prensa. Colaborador habitual de medios como 3500 Millones (El País), Desalambre (El Diario.es) ou Pontevedra Viva.com.

Participou na execución de proxectos de visibilización de diversos contextos sociais relacionados coa minusvalía, igualdade de xénero, reinserción, inmigración, exclusión ou cooperación. No ano 2008, convértese nun dos fundadores da ONG Agareso. Nos últimos anos, as realidades sociais de Guinea Ecuatorial, Marrocos, Ecuador, Uruguai, Arxentina ou Polonia foron obxecto dunha profunda análise xornalística.

A obra retrata, coa palabra, a realidade de persoas atrapadas por un escenario de pobreza e inxustiza humana. Forma parte dun traballo de cinco anos, en diferentes países e continentes. É unha sucesión de experiencias vitais que percorren a realidade da muller, infancia, inmigración ou dereitos humanos no Magreb; as infames fronteiras que separan África de Europa; o comercio xusto e a vida comunitaria en Latinoamérica ou o mundo das prisións, a minusvalía e a exclusión social en España.

Solidariedade, periodismo, sensibilidade e compromiso sintetizan as virtudes de cada unha das historias que foron elaboradas para ser contadas despois de converterse nunha verdade.

As actividades comezan ás oito da tarde e a entrada é libre ata completar aforamento.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra