Un manuscrito con debuxos dun barómetro animado

Actualizado 12/12/2013 14:08

museo de pontevedra

Un debuxo dunha botella de auga medio chea na que no seu interior se representan samesugas en diferentes posicións, rodeada dun texto manuscrito explicativo en verso, constitúe un curioso método para predicir o tempo que se conserva no fondo documental do Museo.

O documento chegou no mes de marzo de 1943 formando parte dun conxunto de tres follas soltas que Francisco Javier Sánchez Cantón envía a Pontevedra co fin de que José Filgueira avaliase o seu interese para acrecentar a colección do Museo. Regalárallas Vicente Castañeda, entón secretario da Real Academia da Historia.

Premer na imaxe para ampliala e ver a transcrición

Trátase dun folio, ó parecer procedente de Galicia segundo escribe Sánchez Cantón, no centro do que se representa unha botella medio chea de auga, que había que cambiar regularmente segundo a época do ano, e unha samesuga no seu interior que vai adoptando diferentes posturas. Arredor da botella disponse unha composición poética manuscrita, encabezada por unha redondilla a título de introdución e nove cuartetas asonantadas que serven para explicar a interpretación meteorolóxica das posicións que adopta o animal dentro do recipiente. No ángulo superior dereito, a lapis, figura a data de 1830, que coincide plenamente coa época en que estivo en auxe o uso deste invertebrado para a predición dos cambios de tempo atmosférico, ademais da xa moi estendida e antiga aplicación médica polo seu poder curativo.

Mostrar toda a información...

A utilización da samesuga como elemento para a predición meteorolóxica parece que se remonta xa a finais do século XVIII, procedente do mundo anglosaxón. En 1842 o naturalista de orixe suízo afincado en España Juan Mieg (1779-1859) publicou no Semanario Pintoresco Español un artigo titulado "Animais metereológicos" sobre a capacidade dalgúns animais comúns como a ra, a araña, un tipo de pez (o misgurno) e a samesuga para detectar os cambios na presión atmosférica do ambiente. Estas observacións "domésticas" resultaban de grande utilidade para determinados colectivos, como os agricultores ou os mariños, que necesitaban saber con antelación a chegada de grandes tormentas.

Aínda que xa fora inventado o barómetro por Evanxelista Torricelli no século XVII, a tradición e sabedoría popular recorreu a todo tipo de trucos para aventurar os cambios climáticos, sobre todo a base da observación de animais, plantas e condicións ambientais.

No caso do barómetro animado, o Diario de avisos de Madrid do 5 de xuño de 1827, promove a venda dunha lámina gravada coas instrucións nun comercio da rúa Maior de Madrid, que poucos meses máis tarde se trasladaría á rúa Majaderitos. A mesma publicación mantén o anuncio ata 1831, especificando mesmo o prezo e modalidades da lámina; en negro vendíase a un real e a iluminada a dous. Tamén o pintor e escritor José Gutiérrez Solana na súa obra La España negra (1920), publica unha pasaxe costumista titulada "La peluquería del 15" onde, ó describir o local, fai mención a un frasco con samesugas e unha lámina colgada na parede coas claves para a interpretación do "barómetro vivente fixo e de nova invención".

No artigo xa mencionado do naturalista Juan Mieg indícase que a observación do comportamento das samesugas, nadando con ansia cara á superficie da auga e anunciando desta forma chuvia, converteunas en distintos países nunha especie de barómetro vivo. Pero critica o anuncio e a estampa que estaba á venda nalgunhas librarías de Madrid na que se describía o comportamento das samesugas. Segundo di, estábase lonxe de garantir na súa totalidade os pormenores das explicacións. Cuestiona tamén a calidade do debuxo e as composicións poéticas da estampa. Referíndose á linguaxe charlatana do anuncio, di que parece traducido libremente do francés.

Da singularidade das samesugas tamén se aproveitou o naturalista e inventor inglés George Merryweather. Tras observar que se revolvían ante a chegada dunha tempestade, construíu un aparato coñecido como "Prognosticador de tormentas" que presentou na Sociedade Filosófica da cidade de Whitby en 1851 e na Exposición Universal de Londres do mesmo ano. O dispositivo consistía en doce botes de cristal con auga e unha samesuga en cada un á que se ataba un fío. Cando o anélido se movía violentamente, o fío facía soar unha campá.

Non sabemos se o manuscrito que conserva o Museo de Pontevedra é o orixinal do que partiron as láminas imprimidas das que falamos anteriormente, foi unha copia da época dunha delas ou unha interpretación propia dun autor descoñecido das varias que poderían ter circulado.

María Jesús Fortes Alén

José Manuel Castaño García

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra