Unha real provisión da raíña Isabel no Museo

Actualizado 07/10/2013 10:05

museo de pontevedra

Entre os documentos que se conservan no Museo atópase esta real provisión dirixida ó concello, alcaldes, alguacís, rexedores, cabaleiros, escudeiros, oficiais e homes bos da cidade de Santiago na que Isabel de Trastámara lles dá conta do falecemento do seu irmán o rei Enrique IV o 11 de decembro e pídelles que a recoñezan como raíña de Castela.

Está datada en Segovia o 18 de decembro de 1474, cinco días despois da proclamación de Isabel como raíña.

Nela solicítase que se alzasen pendóns recoñecéndoa como raíña e señora natural e ó “muy alto e poderoso príncipe el rey don Fernando mi señor como mi legítimo marido” e que lle enviasen procuradores para que en nome da cidade e da súa terra lles xurasen fidelidade.

O pobo compostelán, xunto co arcebispo e o clero, ofrecerá lealdade a Isabel e Fernando cumprindo a petición que se lles fixo.

Poucos días despois comezaría a guerra entre os partidarios de Isabel e os de Juana, a filla do rei Enrique IV, quen tamén se proclamou raíña de Castela e León. Os nobres que a apoiaban sumaríanse ás tropas portuguesas do seu tío o rei Alfonso de Portugal con quen se casara.

En Galicia o arcebispo Fonseca xunto a outros nobres coma o conde de Monterrei ou Pedro Pardo de Cela apoian a Isabel mentres que Pedro Álvarez de Sotomayor encabeza o bando dos nobres que combateron por Juana.

O documento que se conserva no Museo comeza enumerando todos os títulos da acabada de proclamar raíña: raíña de Castela e León, de Toledo, de Galicia, de Sevilla, de Córdoba, de Murcia, de Xaén, do Algarve, de Alxeciras e de Xibraltar e señora de Biscaia e de Molina, raíña de Sicilia e princesa de Aragón.

Só estes dous últimos títulos, adquiridos en virtude do seu matrimonio con Fernando, herdeiro da coroa de Aragón, son os que lle recoñece o bando adversario. O seu casamento, sen a autorización do rei Enrique, supuxera a ruptura do pacto de Guisando de 1461, polo que Isabel fora recoñecida polo seu irmán como Princesa de Asturias e polo tanto a súa herdeira en prexuízo da súa filla Juana.

Ademais do selo de placa e sinatura da raíña, leva a firma do seu secretario, Alfonso de Ávila, quen a fixo escribir polo seu mandato.

Os secretarios encargábanse de expedir e referendar os documentos rexios. Nesta época comezan a ser profesionais de plena confianza dos reis que contribuirán a reforzar a autoridade real en detrimento da nobreza.

José Manuel Castaño García

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra