O lume de San Telmo

Actualizado 12/04/2013 12:01

museo de pontevedra

O lume de san Telmo é un resplandor brillante que por veces parece lume, producido sobre obxectos elevados, como os mastros dos barcos, de onde semella xurdir durante as treboadas eléctricas no mar. Nesas circunstancias síntese a bordo un gran desacougo e temor.

Picar na imaxe para ampliala

Este fenómeno foi coñecido con diferentes nomes desde a antigüidade ata asocialo ó frade dominicano Pedro González, falecido en Tui en 1246. Co paso do tempo, o seu nome sería invocado en situacións de perigo polos mariñeiros españois e portugueses, que estenderán o seu culto por todos os mares do mundo, recibindo daquela o fenómeno luminoso as denominacións de lume do Corpo Santo ou lume de Pedro González.

Na narración da viaxe iniciada en 1403 á corte do Gran Tamerlán por Ruy González de Clavijo e o cabaleiro pontevedrés Paio Gómez de Sotomayor, enviados polo rei Enrique III, aparece, posiblemente por primeira vez, a mención do fenómeno luminoso atribuído ó frade de Tui. Estaban navegando polo Mediterráneo a bordo dunha carraca cando en medio dunha grande tormenta apareceron varios lumes como de candeas nos mastros e no bauprés, que segundo se di duraron o que duraba unha misa. Estes lumes dixeron os mariñeiros que era Pedro González de Tui, ao que se encomendaran.

Na crónica biográfica cabaleiresca sobre o conde de Buelna don Pero Niño, no capítulo referente á campaña contra os ingleses na costa atlántica francesa (1404-1406), nárrase como, en medio de grandes ondas e en plena treboada, os mariñeiros ante o medo á morte fan promesas a diferentes santos e entre eles a Frei Pero González de Tui.

Finalmente Pedro González recibiría o apelativo Telmo, pasando a ser coñecido como Pedro González Telmo ou simplemente san Telmo.

Na imaxe amósase cos seus atributos: un barco e unha candea, símbolos da protección que exerce sobre os mariñeiros que o invocan durante as treboadas eléctricas no mar. É un detalle do gravado á augaforte realizado en 1770 por Manuel Rivera de Costoya (1709-1791). Deste mestre prateiro e calcógrafo compostelán conta o Museo con outra estampa co mesmo motivo iconográfico gravado en 1766.

O día propio de San Telmo é o 14 de abril. Non obstante, a cidade de Tui, da que é patrón, e o Gremio de Mareantes de Pontevedra celebran a súa festividade o luns seguinte ó luns de Pascua.

José Manuel Castaño García

Comparte

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra