Ciclo En paralelo: noites de literatura e cine

Comeza o venres 12 de abril, ás 20:00 h, no salón de actos do Sexto Edificio do Museo.

Actualizado 06/04/2013 04:35

museo de pontevedra

A partir do venres 12 de abril ponse en marcha, con entrada libre, no Sexto Edificio do Museo o ciclo En paralelo: noites de literatura e cine, que se celebrará todos os meses do ano, agás xuño, xullo e agosto.

Trátase de que un venres de cada mes un escritor reflexione sobre o xénero literario que define a súa obra no aspecto que sobre o mesmo elixa. O relatorio será complementado o mércores seguinte coa proxección dunha película do mesmo xénero tratado polo escritor (histórico, biográfico, thriller...).

A conferencia do mes de abril estará a cargo de Fran Zabaleta, que disertará sobre Relacións entre a historia e a novela histórica.

Escritor, editor, guionista de documentais e socio fundador de Redelibros, rede social galega de literatura, Fran Zabaleta traballou como editor de textos con editoriais como Anaya, Santillana ou Grazalema e na actualidade dirixe tamén a súa propia editorial: Ediciones Redelibros.

Na súa faceta de guionista, é autor de documentais para institucións, empresas e televisión. Tamén adaptou clásicos da literatura universal para mozos, como Ivanhoe (Alfaguara, 1996), Moby Dick (Alfaguara, 1996), La llamada de la Naturaleza (Alfaguara, 1997), La Celestina (Ediciones SM, 2008) ou Fábulas de La Fontaine (Ediciones SM, 2009).

É autor de obras de referencia, como 99 libros para ser más culto (Martínez Roca, 2011), Literatura para vagos (Espasa, 2009) ou Xoán Branco e a gran revolta irmandiña (Nigratrea, 2012) e das novelas históricas La cruz de ceniza (Suma de Letras, 2005, traducida ó portugués e publicada en Brasil por Editora Record), Medievalario (Redelibros, 2011) e En tiempo de halcones (de próxima aparición).

O mércores 17, a película proxectada será 1492. La conquista del paraíso, dirixida por Ridley Scott en 1992.

Para o mes de maio está programada a conferencia de Manuel Loureiro Como se escribe unha novela: distintos camiños para construír unha historia, o venres 3, e a proxección da película Con la muerte en los talones, de Alfred Hitchcock, de 1959, o mércores 8.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra