Joven con antifaz, de Raimundo de Madrazo, no Musée des Beaux-Arts de Reims (Francia)

Actualizado 12/12/2012 08:31

museo de pontevedra

O Musée des Beaux-Arts de Reims exhibe, do 14 de decembro de 2012 ó 26 de maio de 2013, a exposición titulada Les Arts de l’effervescence. Champagne! Trátase dunha importante mostra, realizada en colaboración co Musée d’Orsay de París, comisariada por Alice Thomine-Berrada, David Liot e Catherine Delot, que foi recoñecida de interese nacional polo Ministerio de Cultura e da Comunicación, a Dirección Xeral do Patrimonio e os Servizos dos Museos de Francia.

En Reims, cidade en torno á que se concentra a maior parte da industria do champaña en Francia, a exposición, que desenvolve o amplo período cronolóxico que abarca desde a aparición do viño de Champagne, a finais do século XVII, ata o século XX, ten como obxectivo mostrar a dimensión mítica do champaña, como feito cultural excepcional, a través de obras de técnicas diversas, como pinturas, debuxos, gravados, carteis, esculturas, maquetas, debuxos de arquitectura, obxectos de artes decorativas, e a súa evocación noutras artes como a música e o cine.

No conxunto da mostra teñen unha presenza moi destacada os testemuños artísticos da segunda metade do século XIX, período ó que pertence a suxestiva obra cedida polo Museo de Pontevedra, Joven con antifaz, un óleo sobre táboa asinado polo pintor Raimundo de Madrazo caro o 1880, pertencente á antiga colección de D. José Fernández López e actualmente propiedade do Museo.

Fillo e discípulo do famoso retratista Federico de Madrazo, cuñado de Mariano Fortuny e neto de José de Madrazo, Raimundo de Madrazo y Garreta (1841-1920), nado en Roma, tras iniciarse co seu pai comezou os seus estudos oficiais en Madrid, na Escola Superior de Belas Artes de San Fernando. Establécese en París en 1862, onde foi discípulo do pintor León Coignet, da Escola de Belas Artes e da Escola Imperial de Debuxo. Alí residiu gran parte da súa vida, sendo unha das figuras máis destacadas da escola de pintores españois en París, e obtivo a primeira medalla na Exposición Universal de 1889 e o nomeamento de oficial da Lexión de Honor. Os temas da súa obra son fundamentalmente retratos, así como escenas de costumes, sempre alegres e optimistas. O seu realismo minucioso e elegante e o refinamento nas calidades decorativas da súa pintura constitúen a clave do seu éxito entre la clientela burguesa do seu tempo.

Exemplo característico do seu estilo é Joven con antifaz, obra de sutil e estudada gama cromática, na que Madrazo mostra un retrato de perfil da súa amante e modelo preferida, Aline Masson, nun baile de disfraces, bebendo unha copa de champaña.





Comparte
Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra