Primeiros encontros coa banda deseñada

Actualizado 21/11/2012 08:22

museo de pontevedra

Baixo o título O cómic no Museo, celébranse no Sexto Edificio, do 27 ó 29 de novembro, ás 20:00 h, tres conferencias sobre esta arte secular de impacto social e mediático.

Con esta experiencia preténdese dar unha panorámica básica do cómic como arte desde o horizonte nacional e galego do noso tempo. As conferencias estarán a cargo de recoñecidos autores no campo profesional e crítico, de traxectoria sólida e coñecemento exacto do mundo do cómic.

A apertura e peche do ciclo correrá a cargo da presidenta executiva do Museo, Ana Isabel Vázquez Reboredo, e a presentación dos relatores realizaraa Octavio Beares, licenciado en Xeografía e Historia e crítico de cómic, colaborador habitual en seccións desta natureza en Faro de Vigo, Rockdelux, na web Culturamas e na revista dixital especializada en historieta Tebeos en palabras, así como responsable do blog Serie de Viñetas e do portal on line Gente Digital, do Grupo de Información Gente.

Buscando a maior difusión e repercusión mediática, as charlas serán emitidas en streaming e gravadas, para posteriormente colgalas en internet -you tube-, e tamén serán publicitadas polos condutos habituais e en blogs e revistas dixitais especializadas no mundo do cómic.

Kiko da Silva (Pontevedra) é unha das figuras máis destacadas no panorama editorial galego, coa revista BD Banda e o magazine satírico Retranca. Estivo vinculado ás principais revistas de cómic en Galicia (Golfiño) e tamén colabora a nivel nacional (Mister K ou El Jueves). Dentro da súa obra destacan as aventuras de Fiz nos biosbardos e as súas colaboracións en La Voz de Galicia. Actualmente está preparando unha novela gráfica, titulada Bajo la sombra de las piedras flotantes. É o creador e director da Escola de Banda Deseñada O Garaxe Hermético, na cidade de Pontevedra, primeira escola profesional de cómic creada en Galicia.

David Rubín (A Coruña) é un dos autores máis relevantes dentro da xeración de novos creadores de cómic galego. Comezou cofundando o colectivo de autores Polaquia, en 2001, e en pouco tempo destaca con series nas principais revistas galegas: BD Banda, Varsovia ou o suplemento Golfiño do xornal La Voz de Galicia. Habitual igualmente en fanzines nacionais, como Dos veces breve ou Tos, a súa carreira comeza a proxectarse a nivel nacional cunha serie de álbums para a editorial Astiberri, que tamén se editan en Francia e Italia. Acaba de publicar a segunda e última parte de El Héroe, a súa obra máis ambiciosa. Traballou na produtora de cine de animación Dygra, na que codirixiu a película El espíritu del bosque.

Pepo Pérez (Málaga) é debuxante e profesor universitario. Licenciado en Dereito e doutor en Belas Artes, publicou profesionalmente os seus debuxos desde 1997 en cabeceiras como Rockdelux, El Periódico de Cataluña ou El País. Xunto con Santiago García realizou a serie de novelas gráficas El Vecino, con tres volumes ata o momento (Astiberri Ediciones, 2004, 2007 e 2009), así como numerosas historietas curtas para revistas como Nosotros somos los muertos e El Manglar. Foi premiado como autor revelación (Expocómic Madrid, 2004) con El Vecino, unha serie que tamén foi nominada a mellor obra e mellor guión (Santiago García) en 2005 e 2010 nos premios do Salón Internacional do Cómic de Barcelona.

Abrir programa en pdf

Comparte

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra