José Casal y Lois, un pioneiro no eido dos estudos etnográficos

Actualizado 14/04/2012 18:01

museo de pontevedra

O 17 de abril do presente ano 2012 cumpriuse o centenario do pasamento dun egrexio personaxe que, malia a ser prácticamente descoñecido, a non ser porque ten adicada unha rúa na cidade, a que vai desde Virxe do Camiño ata Joaquín Costa, é unha figura salientable da cultura pontevedresa do último cuarto do século XIX e da primeira década do XX.

Non é outro que José Casal y Lois, nado en Pontevedra o 16 de febreiro de 1845. Despois de ter estudado a carreira de Medicina en Santiago, asenta na beira do Lérez para exercer como médico de pobres, profesión que compatibiliza co seu labor cultural, no que cabe salientar o levado a cabo como vogal da Comisión Provincial de Monumentos, desde a que conseguiu deter a piqueta municipal e salvar do derrube definitivo edificios tan emblemáticos como o que quedaba do convento de San Domingos, e como membro da Sociedad Arqueológica de Casto Sampedro fundada en 1894.

O Museo de Pontevedra conserva a súa colección documental, na que, ademais de impresos raros e notas diversas, figuran os orixinais de traballos seus que foron pioneiros en Galicia. Trátase, por citar algún, da recollida de cantares populares ou de xogos tradicionais en Pontevedra, coeditados recentemente co Consello da Cultura Galega, ou do estudo da parroquia de Salcedo, de cruceiros e doutros elementos etnográficos do concello pontevedrés aínda inéditos.

Para máis información sobre José Casal premer aquí.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra