O transatlántico Santa María

Actualizado 21/03/2012 09:38

museo de pontevedra

No Museo de Pontevedra consérvase un modelo ou maqueta do transatlántico portugués Santa María que se fixo célebre en xaneiro de 1961 polo secuestro que padeceu por parte de exiliados portugueses e españois (sobre todo galegos) membros do Directorio Revolucionario Ibérico para protestar contra as ditaduras de Salazar en Portugal e Franco en España.

Deste barco, que asiduamente visitaba o porto de Vigo, gárdanse no Arquivo Gráfico do Museo algunhas imaxes do seu interior, unha magnífica imaxe aérea e as fotos de Rafa Vázquez na que se ve atracado en Vigo. Alí, no mesmo lugar no que hoxe desembarcan e embarcan milleiros de turistas ávidos por gozar dos seus días de lecer, viaxando no tempo e no espazo, derramaríanse noutrora moitas bagoas de pena polas despedidas ou de ledicia por ansiados reencontros.

Pensando, sobre todo, naqueles lectores que non viviron os tempos nos que barcos coma este amarraban a cotío no peirao vigués de transatlánticos, cheos de viaxeiros e emigrantes, aí van estas fotos e algúns datos que lles permitan establecer certas comparacións en canto a dimensións, número de pasaxeiros e tripulantes, con outros barcos do momento e cos equivalentes actuais. Non deben esquecer, en ningún momento, que a diferenza destes últimos, dedicados a viaxes de lecer, aqueles transatlánticos eran o único ou case único medio de transporte que unía Europa con América. A bordo deles transcorrerían os días, tanto para os emigrantes que venderan as súas propiedades para pagar a pasaxe, como para os homes de negocios, os políticos, os persoeiros dos eidos das ciencias ou das artes... Ben entendido que cada un deles viaxaba na clase acorde coa súa posición social e económica.

José Manuel Castaño García

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra