A Medea tamén estaba alí

Actualizado 02/03/2012 09:41

museo de pontevedra

Por fin está de volta en España o tesouro transportado pola fragata Nuestra Señora de las Mercedes afundida en 1804 cando estoupou a súa santabárbara (pañol de pólvora) como consecuencia do ataque de buques británicos.

Aínda que España e a Gran Bretaña non estaban en guerra naquela data, este acontecemento produciuse ante a alianza da España de Carlos IV coa Francia de Napoleón.

Catro fragatas británicas intentaron apresar ás fragatas españolas Medea, Mercedes, Clara e Fama, que procedían de América. Ante a negativa do brigadier José de Bustamante, que mandaba a flota, comezou o enfrontamento. As fragatas españolas traían familias a bordo e non viñan preparadas para o combate, polo que finalmente serían apresadas, agás a Mercedes que se afundiu salvándose só 50 persoas das 289 que ían a bordo.

A Medea, a diferenza da Mercedes, que se construíra na Habana, fíxose nos estaleiros de Ferrol a finais do século XVIII. Era unha das trinta fragatas que se botaron alí na segunda metade da centuria. Contaba con corenta canóns.

A partir deste século os barcos xa se constrúen utilizando planos. Tamén se facían modelos de estaleiro a escala para ver as súas características en tres dimensións. No Museo conservase un destes modelos ou maqueta do casco da Medea.

Como buque británico pasaría a chamarse Imperieuse. Durante a Guerra da Independencia contra os franceses, chegaría a prestar servizos de apoio ás tropas españolas.

José Manuel Castaño García

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra