A Perla Peregrina e o Retrato de Dona Margarita de Austria

Actualizado 24/01/2012 11:38

museo de pontevedra

O pasado 14 de decembro foi vendida polo “módico” prezo de 9 millóns de euros a Perla Peregrina, acadando o máximo chegado a pagar ata o de agora por unha perla dentro das poxas de xoias, quizais debido non só ao seu valor material (tamaño, forma e cor pouco comúns) senón, e principalmente, pola súa historia, polo seu pasado lendario ligado á realeza española. Pertenceu ao coñecido como “Rico Xoiel dos Austrias” das xoias da coroa española, aparecendo en famosos retratos áulicos durante tres séculos. Foi tamén primeira protagonista de amores e desamores dentro do mundo rosa da “sétima arte” no século XX con Elizabeth Taylor e Richard Burton, circunstancias todas elas que fan desta xoia unha lenda viva.

Pero, por que motivo falamos neste espazo da Perla Peregrina? por estar moi preto de nós. Amósanola con todo o seu esplendor, xunto ao diamante coñecido como o “Estanque”, a raíña Dona Margarita de Austria, muller de Felipe III no retrato realizado por Juan Pantoja de la Cruz (ca.1553-1608), anteriormente atribuído a Bartolomé González (1564-1627). Ocupa unha das principais salas de pintura do edificio Castro Monteagudo do Museo de Pontevedra, depositado polo Museo del Prado desde 1945.

É este un bo lugar para desvelar, por unha banda, o máxico que esta perla agocha e, por outra, dar a coñecer este retrato que ben merece ser valorado polo público e desta forma saber un pouco máis do noso apaixonante pasado para conectalo cun presente cada vez máis materialista e menos sensible cos pequenos e anecdóticos feitos que fan da Historia e da Historia da Arte unhas disciplinas realmente atractivas.

Falar da Perla Peregrina supón trasladarnos ao século XVI. Foi descuberta por un escravo en Panamá segundo algunhas fontes no 1569, segundo outras no 1515, sendo entregada ao Rei Felipe II polo Alguacil Maior de Panamá, Diego de Tebes.

Felipe II contraeu matrimonio catro veces, pero dise que da muller que estivo realmente namorado foi da terceira, Isabel de Valois (1546-1568). Moitos historiadores sosteñen que foi durante este matrimonio cando o “Rei Severo” deixou de ter amantes, precisamente debido ao amor que sentía por Isabel. Consciente do primeiro rexeitamento de Dona Isabel, obrigada a ter que casar para selar a paz entre Francia e España (do seu froito foi o tratado “Cateau-Cambresis”), e con trece anos de idade, co home máis poderoso de Europa e vinte anos maior ca ela; o Rei manda tallar para ela un diamante único no mundo, “O Estanque”, de forma cadrada e ton verdoso, una xoia espléndida, que se engarzou xunto coa Perla Peregrina no “Rico Xoiel dos Austrias”. Presumiron da súa beleza reis e raíñas como a nosa protagonista Dona Margarita de Austria, María Luísa de Parma ou Isabel de Borbón, ata acabar no s. XIX en mans de José Bonaparte trala Guerra da Independencia e finalmente reaparecendo en poxa o 23 de xaneiro de 1969 pola Casa Sotheby´s de Nova York.

A fin última dun retrato é a “memoria”, é dicir, a transmisión desa imaxe para o recordo de xeracións vindeiras. En xeral, os retratos podemos consideralos como testemuños fidedignos do seu tempo. Juan Pantoja de la Cruz pintor especializado no xénero da retratística, continuador do tipo de retratos renacentistas cortesáns practicado por Alonso Sánchez Coello, desde 1596 ostenta o cargo do pintor do Rei Felipe II e a partir de 1598 convértese en pintor oficial da corte de Felipe III, dedicándose así case exclusivamente á pintura de retratos áulicos repetitivos, describindo con esmero bordados, encaixes, xoias, peiteados e demais pezas de ornato, nesta liña continuarán os seus seguidores Rodrigo de Villandrando, Santiago Morán, Andrés López ou Pedro Antonio Vidal. Poderíamos afirmar que a imaxe de Dona Margarita que estamos a comentar non posúe substancia propia, e menos aínda entidade sobrenatural ou máxica; é simplemente un soporte do seu carácter persoal. Analizando a súa ollada poderíamos intuír a amargura nesta última, quizais polo enfrontamento directo desta co valido do Rei, o Duque de Lerma, por denunciar abertamente a súa corrupción.

Sabela Santos Filgueira, Técnico Auxiliar do Gabinete Didáctico

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra