O Edificio Sarmiento recibiu 10.000 visitantes durante as xornadas de portas abertas
Actualizado 10/01/2012 12:39 museo de pontevedra A grande afluencia de visitantes nas xornadas de portas abertas organizadas pola Deputación de Pontevedra deixa patente o interese dos veciños da cidade, da provincia e dos turistas por coñeceren o resultado da remodelación deste emblemático edificio. A entidade provincial, tras rematar as obras, puxo en marcha esta iniciativa e, en vista do éxito obtido, decidiu, xunto cos responsables do Museo provincial, ampliar o prazo das xornadas ata a última fin de semana de xaneiro. O Edificio Sarmiento, rematado o dito prazo, volverá pechar as súas portas ata a súa inauguración oficial, previsiblemente a finais do verán, para que nos próximos meses se finalice a remodelación e se leven a cabo a mudanza e o traslado dos fondos depositados neste inmoble. A Deputación e o seu Museo provincial, despois de recibir a visita de preto de 10.000 persoas, coinciden no éxito das xornadas e destacan o interese dos visitantes por coñecer e facer uso das novas e remodeladas instalacións. |
|
| © Copyright 2004-2011, Museo de Pontevedra. Reservados todos os dereitos. Pasantería, 2-12 - 36002 Pontevedra ES - Teléfono: +34 986 85 14 55 arriba | inicio | contactar | aviso legal |