Xeroglífico dedicado á Inmaculada Concepción

Actualizado 30/11/2011 13:45

museo de pontevedra

Coincidindo coa festividade da Inmaculada Concepción presentamos unha estampa exposta na sala de gravados composteláns do edificio García Flórez, unha estampa que mostra un xeroglífico dedicado a esta advocación mariana, de autoría anónima, do século XVIII. No centro da escena aparece a Virxe, que apoia os seus pés sobre un coro de cabezas anxélicas rodeado dun crecente lunar. María sostén coa súa man dereita un pequeno estandarte no que figura a inscrición Doctor Subtilis Scotus, mentres que coa esquerda suxeita reciamente unhas rendas, nas que se len as inscricións PHILIPOUS QUARTUS e ORDO SERAPHICUS, dominando con elas unha serpe alada con cabeza de dragón. A serpe leva na súa boca dúas chaves cruzadas das que colga unha cartela coa inscrición ALEXANDER SEPTIMUS.

A escena ten lugar ante un fondo paisaxístico urbano, aínda que no lado dereito se representa o episodio do pecado orixinal, e remata o conxunto unha gran cartela coa lenda SENTADA YA MI PUREZA / CON ESTE NUEVO BOCADO / DEL ANTIGUO HE DESCUIDADO.

Pasamos a analizar e descifrar este interesante xeroglífico, e o primeiro que hai que indicar é que a orixe do culto á Inmaculada Concepción xorde na Idade Media pero a súa aprobación como dogma de fe non tivo lugar ata o ano 1854.

O culto á Inmaculada suxire que María foi reservada por Deus, antes da creación, libre da mancha do pecado orixinal, de aí que, xunto a ela, se represente esta escena. Esta é a base do que finalmente aprobou en 1854 como dogma de fe a Bula Ineffabilis Deus, promulgada por Pío IX, pero xa desde os inicios deste culto van xurdir dúas posturas enfrontadas, a dos defensores e a dos detractores.

San Tomás de Aquino foi un dos grandes nomes en contra desta devoción e fronte a el Duns Scoto, o primeiro gran defensor a quen alude o pequeno estandarte que porta María na súa man dereita coa inscrición Doctor Subtilis Scotus, o Doutor Sutil, como se coñeceu este beato franciscano.

Desde a súa fundación por san Francisco de Asís a orde tivo nesta devoción un dos seus moitos sinais de identidade, o cal explica que nunha das rendas apareza a inscrición Ordo Seraphicus posto que a orde franciscana é coñecida tamén coa denominación de Orde Seráfica. O arraigamento tan profundo do seu culto explica que en moitos dos seus conventos se constituísen confrarías na súa honra, como en Pontevedra, onde cara a 1561 se fundou a Congregación da Purísima Concepción e Misericordia.

Co paso dos anos o culto á Inmaculada foi en aumento pero seguía sen ter un recoñecemento oficial por parte da Santa Sede e as disputas teolóxicas ían crecendo. Na época moderna a coroa española desempeñou un papel crucial na defensa inmaculista e así, en 1644, Felipe IV declarou a Inmaculada festa de gardar en todos os territorios do imperio español. Isto xustifica que nunha das rendas que suxeita María apareza o nome deste rei, en relación ó papel que desenvolveu a monarquía española en defensa do culto; a Santa Sede, como agradecemento á Igrexa española, en 1864 outorgoulle o privilexio de poder vestir nas celebracións litúrxicas dese día a casula de cor celeste.

As fortes disputas entre maculistas e inmaculistas levaron o papa Alexandre VII a promulgar a Bula Sollicitudo Omnium Ecclesiarum, do 8 de decembro de 1661, na que, sen aprobar este culto como dogma de fe, o favorecía e promovía. Por iso, a serpe situada na parte inferior da estampa porta na boca as chaves símbolo do papado das que colga o nome de Alexandre VII.

Por último, a inscrición da parte superior é un resumo da lectura desagregada do xeroglífico, segundo a cal o nuevo bocado que asenta a pureza mariana é en realidade a bula de Alexandre VII, mentres que o antiguo bocado descuidado alude ós esforzos na defensa deste culto do Doutor Sutil, Duns Scoto.



José Luis Ageitos Míguez

Gabinete Didáctico

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra