Bodegón de melocotóns. A beleza do simple

Actualizado 24/06/2011 11:03

museo de pontevedra

Entre a magnífica colección de bodegóns barrocos que custodia o Museo de Pontevedra, produto case na súa totalidade do labor coleccionista de don José Fernández López, quixera destacar un lenzo que non debera pasar desapercibido a pesares do pequeno do seu tamaño e do simple da súa composición. Trala súa sinxeleza ocúltase toda unha lección sobre a xénese da pintura de bodegón, pois o esquema compositivo que segue foi de uso temperán. Este consistía en mostrar de forma sinxela, simétrica e verista, sobre unha repisa, ou oco de ventá, un ou máis elementos, nunca demasiados, sendo con frecuencia o motivo a resaltar un prato de froitas. Deste tipo de cadros hai constancia en Italia desde finais do século XVI, destacando a zona de Lombardía coas obras de artistas como Fede Galizia ou Ambrogio Figino, artífices que mostraron un interese case de manual científico na representación detallada das froitas, dos recipientes que as contiñan e ata dos insectos que pousaban nelas. Dende Italia foi que chegaron de forma abundante ás coleccións españolas influíndo de forma decisiva nos nosos artistas.

A obra que se conserva no Museo de Pontevedra segue claramente este esquema, resultando exemplar para a ilustración da pervivencia destes modelos en España ó longo do século XVII, momento no que o xénero se consolida como tal en toda Europa. Así, sobre unha repisa indefinida, amósasenos, de forma austera e no centro, un prato de melocotóns. Estes, en número de nove, aparecen dispostos sobre un prato metálico, sobre o que a incidencia da luz, que entra polo lado esquerdo, provoca certos reflexos. Tralas froitas percíbense, hoxe con dificultade debido ó escurecemento do lenzo, parte das pólas do melocotoeiro, recurso que, xunto coa representación dunha mosca pousada sobre un dos froitos, aporta maior naturalismo á composición. Algúns autores teñen sinalado en relación á presenza de moscas e outros insectos sobre a froita unha posible lectura simbólica sobre a putrefacción e a fugacidade da vida, o que lles conferiría un certo carácter de Vanitas. Non existe constancia documental de que isto fora así, aínda que nunha sociedade tan influenciada pola moral cristiá e a literatura simbólica ben se podería chegar a este tipo de interpretacións.

A luz tenebrista e o efecto de trompe l`oeil (técnica pictórica na que se “engana ó ollo” mediante xogos de perspectiva), que se consegue co prato que sobresae do borde da repisa, son outros recursos habituais desde as orixes do xénero, o que potencia o efecto de tridimensionalidade e o achegamento ó espectador.

Aínda que de autor descoñecido e técnica algo máis ruda, este bodegón hai que relacionalo con outros similares de mestres da pintura española do século XVII, da talla de Francisco de Zurbarán, o seu fillo, Juan de Zurbarán, Pedro de Camprobín ou Juan de van der Hamen, entre outros, que realizaron composicións similares non sempre co carácter de obras completas senón como modelos que despois utilizaban na elaboración de composicións máis complexas; noutros casos foron produto do desmembramento destas obras maiores debido ós avatares do tempo.



Paula Tilve Otero

Axudante de Gabinete Didáctico

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra