Os grandes almacéns parisienses de entre séculos (XIX-XX) nas coleccións do Museo

Actualizado 27/05/2011 12:47

museo de pontevedra

O desenvolvemento económico que se deu en Europa ao longo do S. XIX, grazas á Revolución Industrial, tivo directa repercusión na aparición, fundamentalmente a partir da segunda metade do século XIX, da industria da moda.

Dous factores foron determinantes, por unha banda as melloras tecnolóxicas: o desenvolvemento de tinguiduras químicas para as teas, a invención da máquina de coser, a elaboración industrial de encaixes ou a aparición de novos materiais como a marfilina, a ebonita ou o celuloide.Abaratábanse deste xeito os custos de produción, facendo tanto traxes como complementos accesibles a un gran número de persoas. Doutra banda, a emerxencia da clase burguesa proporcionará a masa de clientes necesaria e suficiente para facer despegar e desenvolverse a esta industria.

Aparece desta maneira un novo tipo de cliente nas tendas de moda, máis numeroso e á procura dunha maior variedade de produtos que ademais, cada ano e mesmo cada tempada cambiarán. A pauta para as variacións na moda marcarase en París. En toda Europa mirarase cara a esta cidade para saber que está ou non está en boga, tema do que se informa puntualmente nas revistas femininas da época ou en seccións fixas de moitos diarios.

É precisamente na capital francesa onde dará comezo unha nova maneira de vender e como consecuencia, unha nova maneira de comprar: os Grandes Almacéns. O primeiro deles aparece na década dos 50, da man de dous socios: Aristide Boucicaut e Paul Videau que, partindo dunha tenda de novidades e mercería, e inspirándose na disposición das casetas da Exposición Universal de París de 1855, fundan un establecemento, a Maison Bon Marché, que será guía para os que posteriormente irán xurdindo: Le Louvre en 1855, a Belle Jardinière en 1856, Le Printemps en 1864, as Galeries Lafayette en 1894…

As súas características serán comúns: un gran establecemento dividido en varias plantas e numerosas seccións cun gran número de produtos distintos. Os clientes poden circular libremente entre as mercadorías sen necesidade de comprar, etiquétanse os produtos, eliminado así o regateo, permítense cambios e devolucións, renóvase habitualmente a mercadoría e introdúcense as liquidacións e saldos. Ademais, contan con servizo de entrega a domicilio e, para os clientes estranxeiros, con vendedores que falan diferentes idiomas e que os acompañan nas súas compras. Igualmente, dotarase a estes establecementos dos grandes adiantos do século: dispoñen de ascensores, escaleiras automáticas e luz eléctrica e sitúanse en grandes avenidas, de modo que, case desde o momento no que aparece o metro en París, poderá acudirse a eles mediante este transporte.

Pero posiblemente o que realmente deu a estes establecementos carácter internacional foi a creación de catálogos de venda por correo, traducidos a varios idiomas, que publicitaban nas revistas femininas de moda, ademais de facilitar mostrarios de tecidos aos seus clientes que, desta maneira, se aseguraban de coñecer ben o produto que compraban.

Desta forma, clientes que por falta de tempo ou de posibilidades económicas non podían ir comprar a París, facíano desde as súas propias casas.

Pontevedra non foi allea en absoluto a este fenómeno, e aínda que non son numerosas as mostras que diso temos no Museo, se son suficientemente significativas para afirmar que as damas burguesas de Pontevedra seguían esta moda.


Fátima Cobo Rodríguez

Conservadora do Museo de Pontevedra

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra