A Real Provisión sobre o escudo do pazo de Mugartegui

Actualizado 19/05/2011 12:28

museo de pontevedra

Nunha das prazas máis emblemáticas da zona antiga de Pontevedra levántase o Pazo de Mugartegui no lugar que xa por entón se coñecía como A Pedreira. O edificio mandouno levantar a cimentis sobre as ruínas dunha vella casa, José Manuel Valladares e Figueroa, herdeiro do morgado e casa de Quintáns (San Esteban de Noalla), ao mestre canteiro Pedro Antonio Ferreiro, veciño de Muimenta. As obras concluíronse en 1771, deixando na fachada do edificio un espazo destinado á colocación do escudo de armas da familia. Foi este elemento o detonante dun proceso xudicial que rematou coa emisión dunha real provisión de 1773 que se custodia no fondo Museo (fondo Mugartegui) e que conta os pormenores da súa historia.

O feito é que o escudo fose encargado a un mestre de Pobra do Deán e tróuxose por mar ata a vila. Tería as mesmas armas que figuraban na casa de Noalla e na capela de Nosa Señora a Blanca da basílica de Santa María de Pontevedra. Os entón procuradores síndicos de Pontevedra, Manuel Mosquera e Aranda e Manuel López Gil, que vixiaban os intereses e obrigas da comunidade, denunciaron que o citado José Manuel Valladares non tiña dereito a facer uso desas armas. Nun primeiro momento concedeuse permiso para a colocación da labra, levantando moita curiosidade por parte dos veciños posto que era, e segue sendo, un dos escudos máis suntuosos da cidade. Pero os procuradores seguiron denunciando a súa ilexitimidade, ante o cal o dono do pazo tivo que demostrar a súa fidalguía por medio da presentación, entre outros documentos, de executorias de nobreza dos seus antecesores Leonardo Valladares Araujo (1637) e Juan Ignacio Valladares Somoza e Pradodeneira (1703). A sentenza definitiva recoñeceu efectivamente a condición de nobreza de José Manuel Valladares e evitou que se desmontase o escudo e fose depositado nas dependencias do Concello indefinidamente, tal como pretendían os citados procuradores.


Facer clic fóra da imaxe para saír

Mª Jesús Fortes Alén

Arquiveira do Museo de Pontevedra

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra