Miniatura de Francisco Sampedro y Fontenla, heroe da Guerra da Independencia

Actualizado 11/05/2011 11:17

museo de pontevedra

Os sucesos da Guerra da Independencia en Galicia, deixaron para a historia numerosos personaxes que dunha maneira ou doutra contribuíron ao bo desenvolvemento dos acontecementos que durante ese período se sucederon e que finalmente concluíron coa liberación francesa trala Batalla de Ponte Sampaio do 4 de xullo de 1809.

Foi un deles Francisco Sampedro e Fontenla, antepasado directo de D. Casto Sampedro e Folgar, o que foi primeiro director do Museo de Pontevedra.

Natural de Redondela os seus pais foron o Licenciado Ramón Sampedro e Puga -avogado da Real Audiencia de Galicia durante máis de trinta anos e Rexedor Perpetuo de Redondela- e a súa esposa dona Josefa Fontenla. Froito deste matrimonio naceron catro fillos, tres homes e unha muller, dos cales o primeiro, José, e o terceiro, o propio Francisco, dedicáronse á carreira militar quizais influenciados polas ideas do seu proxenitor, ardente defensor da Patria que sufriu persecucións e cárcere durante a Guerra da Independencia.

Pouco se sabe da súa traxectoria vital e profesional, unicamente algúns datos recollidos no seu día por García Alén no arquivo familiar ou os achegados polo propio Casto Sampedro, segundo os cales no ano 1816 era Capitán do Provincial de Tui, chegando a alcanzar o grao de Coronel. Entre as súas fazañas bélicas no marco da Guerra da Independencia destaca a súa participación nas accións de Santiago de Compostela, Ponte Sampaio e Ponte Caldelas. Con posterioridade e xa fóra de Galicia, a Batalla de San Marcial (agosto de 1813), na que foi condecorado polo seu heroísmo, e a de Tolosa (abril de 1814).

O Museo de Pontevedra conserva entre os seus fondos, grazas á doazón de D. Casto Sampedro Mon, unha miniatura sobre marfil coa imaxe do heroe. A obra, realizada cunha técnica á auga, aparece asinada como P. Gonz., abreviatura coa que poderían corresponderse no século XIX polo menos dous artistas: Petronila González de Menchaca, pintora afeccionada dedicada á execución de miniaturas que faleceu en Madrid en 1880, ou Pedro González e Martínez (1789-1849), pintor valisoletano que tamén elaborou un gran número de miniaturas ademais de moitos retratos.

Don Francisco Sampedro represéntase de medio corpo, coa mirada un tanto perdida, vestido con traxe militar de cor verde e con peiteado propio da época. A silueta recórtase sobre un fondo neutro resolto a base de pequenos toques raiados, deixando nalgúns puntos, como sucede no traxe - onde se produciu ademais unha perda de materia-, que a tonalidade natural do soporte se transluza. No tratamento do rostro, onde se aprecia o traballo dun artista de certa calidade, destaca, ademais do naturalismo conseguido ao aproveitar a cor natural do marfil, a utilización da técnica do punteado, aplicada no contorno dos ollos e na barba para obter efectos de sombreado.

A miniatura, rota en dous fragmentos unidos no reverso por tres selos con timbre de 1887, foi introducida nun pequeno colgante gornecido por un marco metálico de gran sinxeleza que permitiría a súa utilización como recordo portátil, destino habitual para este tipo de miniaturas.

Natalia Fraguas Fernández

Conservadora do Museo de Pontevedra


Facer clic fóra da imaxe para saír

Bibliografía

ESTRADA CATOYRA, F. Historia de los Ejércitos gallegos durante la Guerra de la Independencia, Santiago de Compostela, 1916.

GARCÍA ALÉN, A., “La familia de don Casto Sampedro y Folgar” en El Museo de Pontevedra, Pontevedra, tomo V, 1948, pp. 68-77.

PORTELA PAZOS, S., La Guerra de la Independencia en Galicia, Santiago de Compostela, 1964.

Documentos de Galicia en la Guerra de la Independencia, A Coruña, Sociedad Filatélica de La Coruña, 1984.

FRAGUAS FERNÁNDEZ, N., “La miniatura retrato. La colección del Museo de Pontevedra”, El Museo de Pontevedra, nº 61, 2007, pp. 311-351.

“La guerra en Pontevedra y la Batalla de Ponte Sampaio”, Ciudades en guerra 1808-1814. Pontevedra en la Guerra de la Independencia, Pontevedra, Museo de Pontevedra, 2009, pp. 249-272.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra