Un autógrafo de Rafael Alberti no fondo Odriozola

Actualizado 02/05/2011 14:29

museo de pontevedra

Durante o proceso de clasificación e catalogación do fondo de Antonio Odriozola (Odriozola, 126-4) encontrouse unha carta de agradecemento autógrafa de Rafael Alberti, ilustrada co debuxo dunha serea portando un peixe e unha pomba na súa man esquerda. Segundo figura no cuño do sobre, a misiva enviouse dende Antibes (Francia) o mes de abril de 1968, aínda que parece que Alberti por aquel entón tiña fixada a súa residencia en Roma. A Roma enviaría Odriozola a contestación algún tempo despois, xa no mes de xuño.

As concisas liñas de Alberti limítanse a transmitirlle o seu agradecemento e a facer referencia a un personaxe de enlace entre os dous (Mosteiro). Aínda que non sabemos cal sería o detonante exacto da relación epistolar entre ambos os dous, é aventurado dicir que se debía estritamente a motivos profesionais. Na súa carta Odriozola comunícalle a necesidade de comentar algúns aspectos para a bibliografía que está a preparar sobre a súa obra e que pensaba publicar nun número especial da revista Ínsula, similar á que anos anteriores fixera sobre outros escritores como Valle Inclán ou Miguel Hernández. Comunícalle tamén que a finais do verán está programada unha exposición bibliográfica na praza de touros de Pontevedra, exposición que finalmente se celebraría no Instituto Valle-Inclán.

O coso pontevedrés foi escenario dunha anécdota de xuventude do afamado escritor, posto que alí fixo o paseíllo nunha corrida de touros coa cuadrilla do seu amigo Ignacio Sánchez Mejías o 3 de xullo de 1927. Esta vinculación coa cidade do Lérez quedou recollida na súa obra autobiográfica La arboleda perdida e deu pé a un artigo de prensa de Odriozola, cuxo orixinal se custodia tamén entre os seus fondos.

Pero non é este o único orixinal de Alberti no Museo. Uns poemas e un debuxo autógrafos dedicados ao tamén debuxante Luis Seoane, quen ilustrara as edicións limitadas das súas obras Sobre los ángeles (Bos Aires, 1962) e Eh, los toros (Bos Aires, 1942) engrosan esa serie de curiosidades que superan o interese local e rexional que caracteriza a maior parte dos nosos fondos.

Mª Jesús Fortes Alén

Arquiveira do Museo de Pontevedra


Facer clic fóra da imaxe para saír

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra