Fragmentos de indumentaria litúrxica bordado

Actualizado 15/04/2011 09:03

museo de pontevedra

        

Con motivo da proximidade da Semana Santa, consideramos interesante traer a esta sección un fragmento de bordado en realce, que sen dúbida formaba parte dunha peza de indumentaria litúrxica.

Para a realización do bordado empregáronse torzais e fíos metálicos prata e ouro, abelorios metálicos dourados, fío de seda vermella, fío de veludo verde, veludo marrón e contas de cristal negro, todo iso aplicado sobre gro de cor vermella con reforzo de lenzo e forro de moiré negro.

Xa que unicamente conservamos este fragmento, descoñecemos o discurso iconográfico completo da devandita peza, pero a súa relación coa Eucaristía, a Paixón e Resurrección de Cristo é máis que evidente, dado que a simboloxía empregada no bordado está presente na iconografía cristiá dende a Idade Media.

         

O pelicano. Nos bestiarios medievais narrábase, con pequenas variacións no relato, como as crías dos pelicanos peteiraban aos seus proxenitores e estes, véndose acosados, matábanos. Transcorridos tres días, a nai, arrepentida, golpeaba unha e outra vez o peito co pico ata facer xermolar o seu sangue, alimentando con ela os pitos que, grazas a este sacrificio, resucitaban.

O paralelismo que os cristiáns estableceron dende o primeiro momento con esta historia é claro. Cristo, aínda sendo rexeitado polos homes, dáse nun sacrificio anunciado xa por el mesmo durante a institución da Eucaristía no transcurso da Última Cea para redimilos dos seus pecados. “Este é o meu sangue, o sangue da alianza, que se derrama por todos para o perdón dos pecados”. (Mateo 26, 26-28). “(...) o que come a miña carne e bebe o meu sangue, vive de vida eterna e eu resucitareino no último día. (Juan 6, 48-60).

Ademais, o niño podíase entender como a Igrexa, tal e como fai Caldeirón da Barca "Aquel Alcázar/ de la Iglesia (...)/ será nido/ del ave, que el pecho hiere/ para sustentar sus hijos /con la sangre que de él vierte".

       

O ouroboro, a serpe que se morde a cola é un símbolo ancestral. Simboliza o tempo, a roda da vida e en xeral o continuo renacemento. Para renacer, antes hai que morrer, por iso mórdese a si mesma. Cristo morre para posteriormente resucitar. Ao tempo, o seu sangue é redentor para os homes, idea reiterada coa colocación da rosa no interior do círculo que forma, xa que a rosa vermella foi tida como símbolo do sangue do martirio.

A coroa de espiñas representa a Paixón de Cristo ao que colocaron, como "rei dos xudeus", a xeito de burla, unha coroa de espiñas. Novamente aquí aparece no seu centro unha rosa/sangue.

Por último, a cor da tea que soporta o bordado, o vermello, incide sobre a mesma idea.

Fátima Cobo Rodríguez

Conservadora do Museo de Pontevedra

Bibliografía

MALAXECHEVERRÍA, Ignacio. Bestiario medieval. Madrid, 1986

ALONSO REY, Mª Dolores. “El bestiario de Cristo en los autos Sacramentales de Calderón” en V.V.A.A. El mundo maravilloso de los autos de Calderón. 2005

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra