O Arcebispo Malvar e a Semana Santa de Pontevedra. A concordia do preito das gorgueiras

Actualizado 14/04/2011 14:24

museo de pontevedra

Entre os valiosos e numerosos fondos que conforman o Arquivo documental do Museo de Pontevedra, destaca un importante documento para a historia da nosa Semana Santa, a “concordia del pleito de las golillas”, correspondente á colección Sampedro, 27-13.

Este litixio, comezou en 1774 a instancia de Pedro Manuel Miranda, Conde de San Román, e supuxo o enfrontamento entre a Casa de San Román, a Congregación da Misericordia e o Concello, a causa do tecido do traxe de gorgueira que vestían na Procesión do Xoves Santo o representante da Casa de San Román e o Mordomo da Congregación da Misericordia.

Todo comezou a raíz de que o Conde de San Román reclamase, pola vía xudicial, o dereito en exclusiva de ser o único en poder utilizar, na Procesión do Xoves Santo, traxe de gorgueira confeccionado en tea de seda, negando este dereito ao Mordomo da Congregación da Misericordia, ao que quixo impoñer o uso deste traxe confeccionado en tea de holandilla.

O preito das gorgueiras foi o de maior alcance, transcendencia e duración cronolóxica de todos os que aconteceron na Semana Santa pontevedresa, dando lugar a severas controversias nos momentos previos á saída da Procesión. Aínda que a xustiza ordinaria tratou de dar, por todos os medios posibles, unha solución ao conflito, esta nunca se logrou, e a pesar das distintas resolucións promulgadas pola Real Audiencia de Galicia, os incidentes repetíanse cada ano.

En vista de que non se daba alcanzado un acordo que tranquilizase os ánimos das partes implicadas, en 1792, o Arzobispo Malvar decidiu intervir directamente. Para iso, o 28 de febreiro, reuniu no seu Pazo de Salcedo a unha representación da Congregación da Misericordia xunto con outra do Concello e o Conde de San Román, para propoñer unha serie de argumentos cos que se logrou poñer fin a 18 anos de disputas, posto que, o que comezara pola distinción no tipo de tecido do traxe, acabou levando a outras cuestións.

Entre os puntos estipulados polo Arcebispo Malvar na concordia establécese que o Concello debía dirixir un escrito o Martes Santo á Congregación da Misericordia para que tivesen todo disposto de cara á súa participación na Procesión, debendo dar esta unha resposta afirmativa a Alcaldes e Rexedores. Ao mesmo tempo establece que a Congregación concorrese na Procesión cunha representación integrada polo Mordomo e seis Deputados, en lugar dos oito Deputados cos que asistía anteriormente. Por último, obriga o Conde de San Román a vestir traxe de gorgueira confeccionado en tea de holandilla, reservando o dereito de vestir traxe de seda ao Mordomo da Congregación.

Coa firma deste texto proposto polo Arcebispo Malvar, as partes alcadaron un acordo común que permitiu que a Procesión do Xoves Santo puidese volver celebrarse con total normalidade, tendo plena vixencia o estipulado no documento ata a disolución, en 1835, da Congregación da Misericordia.



José Luis Ageitos Míguez

Gabinete Didáctico do Museo de Pontevedra

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra