Abanico telescópico de mil caras

Actualizado 06/04/2011 14:32

museo de pontevedra

(click en foto para agrandar)

Entre as décadas de 1850 e 1890 popularizouse, entre as mulleres das clases máis adiñeiradas, un tipo de abano fabricado en Cantón coñecido como de "mil caras". Debían o seu nome ao gran número de personaxes que aparecían representados nos seus países e sen dúbida, as clientas occidentais encontraban nestas pezas, que tiñan un alto prezo, o exotismo e o misterio que en xeral provocaba todo o chegado de Oriente.

O abano que mostramos pertence a esta tipoloxía. Presenta varas de madeira de bambú, lacadas en negro, dourado e con pequenos toques de vermello, nas que se representan escenas cotiás enmarcadas por unha profusa decoración vexetal e animal. Inusualmente, o lacado continúa ao longo das espigas, xa cunha decoración moito máis estilizada, dado que estas quedarán á vista cando o país do abano se deslice sobre elas para aumentar ou diminuír o seu tamaño, de aí a denominación de telescópico.

O país, dobre, é de papel, pintado ao gouache en vivas cores. Tanto no anverso como no reverso se representan escenas cortesás nas que homes e mulleres deambulan ou charlan animadamente, enmarcados por arquitecturas lixeiras e abertas a espazos verdes. Para dar maior riqueza ao abano, os seus vestidos están elaborados con seda recortada e pegada sobre o papel pintado, e as súas caras con placas de marfil finamente iluminadas.

Sen dúbida estes detalles chamaban poderosamente a atención ás súas posuidoras occidentais, tal e como debían de facelo tamén os costumes que se reflicten a través deles. Así, se nos fixamos nas damas, os primeiro que chamará a nosa atención serán os seus diminutos pés. Son a consecuencia dunha práctica á que se vían sometidas na infancia as mulleres das clases acomodadas e que se mantivo ata principios do S. XX, cando por fin foi prohibida. Tratábase de conseguir que o pé non superase, na idade adulta, os 10 cm de longo e que fose moi estreito e arqueado.

Para conseguilo, sometíaselles a unha tortura que duraba anos: a partir dos catro ou cinco anos vendábanselles os pés de maneira que todos os dedos, a excepción do polgar, quedasen dobrados baixo a planta, para o cal era necesario rompelos. Á vez, mediante fortes vendaxes, arqueábase todo o pé de forma que o talón e os dedos se aproximasen o máis posible. Con este método, tras anos de intensas e constantes dores, os pés quedaban co tamaño "axeitado". Así reducidos, simbolizaban a castidade da dama, ademais de proporcionarlle un gran poder de sedución, en parte polo seu misterio, pois nunca eran mostrados sen vendas.

Outro costume curioso, que tamén podemos contemplar nas figuras femininas, era, entre as mulleres casadas, a de rasurarse o cabelo á altura da fronte para que esta parecese máis despexada, recolléndose ademais o cabelo cunha agulla adornada con flores. Para a maquillaxe, sempre presente nas damas chinesas de certa posición, dous eran as cores principais: O branco, realizado con po de arroz, empregábase como base da maquillaxe e sobre el pintaban os seus labios con carmín, perfilándoos de modo que parecesen máis grosos e desen á boca o aspecto de ser moito máis pequena do seu tamaño real.

O atavío era sen dúbida un punto máis de atención. A dinastía manchú, reinante entre 1644 e 1911, ditou leis que regulaban a indumentaria, asignando certos criterios estéticos que podemos contemplar aquí. Para os homes impuxéronse, por exemplo, as botas altas, os gorros con ás aos lados ou a práctica de superpoñer varias chaquetas (detalle que tamén vemos nas damas). Todo, mesmo as cores das teas, estaba regulado. E rodeando a todos estes personaxes e escenas, unha orla, a xeito de remate, bordea o país. Nela sucédense unha serie de símbolos budistas e taoístas que se empregaban como propiciatorios de boa sorte.

Por último, destacaremos o feito de que estas pezas se vendían dentro de preciosas caixas lacadas que, no seu interior, aparecían decoradas con seda pintada ao estilo do abano que gardaban.


Fátima Cobo Rodríguez

Conservadora do Museo de Pontevedra

BIBLIOGRAFÍA

VV.AA. Abanicos. La colección del Museo Municipal de Madrid. Madrid, 1995.

VV.AA. Colección de abanicos del Museo Nacional de Cerámica. Valencia, 2000.

VV.AA. El abanico español. La colección del Marqués de Colomina. Valencia, 2008

*Agradecemos ao Sr. Longbo Lin ternos facilitado esta información

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra