A serie fotográfica Romaría e feira de San Vitoiro, de José Suárez nunha exposición no Reina Sofía

Actualizado 25/03/2011 10:09

museo de pontevedra

Das series fotográficas de marcado carácter etnográfico e documental que José Suárez realizou na década dos trinta é a da Romaría e feira de San Vitoiro a máis solicitada para participar nas exposicións de fotografía histórica. Na actualidade o Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía inclúea na exposición Una luz dura sin compasión. El movimiento de la fotografía obrera, 1926-1939.

Foi en 1933 cando José Suárez fotografou a Romaría e festa de San Vitoiro en Allariz, a súa vila natal. A través de 28 fotografías, e coma se dunha secuencia cinematográfica se tratase, documenta pormenorizadamente o desenvolvemento do ritual que compón unha festa popular galega. Comeza coa tirada das bombas de palenque que dan inicio ao festexo seguida da misa ao aire libre e a procesión do santo. A continuación recrea o bulicio do mercado e as xentes. Retrata as vendedoras de galiñas, á pulpeira, así como ás autoridades eclesiásticas e civís que simbolizan a tradición e a orde establecida. Por último finaliza a reportaxe recreando a diversión representada polos músicos e o baile.

O Museo de Pontevedra como pioneiro no labor de recuperación dos fotógrafos históricos galegos, contribuíu á posta en valor da obra de José Suárez dando a coñecer as diferentes series etnográficas que custodia entre os seus fondos. Á anterior debemos engadir as reportaxes da Malla e Os traballos co liño, Os oleiros de Niñodáguia, e Beiramar nos que nos mostra a Galicia do mar e do campo. En todos, o protagonista é o home e a súa forma de vida e neles conxúgase a minuciosa descrición dos distintos oficios cunha coidada preocupación estética que vinculan a Suárez con vangardas fotográficas europeas da época como a Nova Obxectividade, de aí que utilice encadres impensables para aquel momento como os picados e contrapicado, ou as composicións en diagonal, que o afastan da fotografía máis clasicista que se realizaba en Galicia nese momento.

Cristina Echave Durán

Conservadora de Fondos Fotográficas

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra