Tempo de Entroido

O Entroido de 1876 en Pontevedra

Actualizado 08/03/2011 13:52

museo de pontevedra

Os fondos custodiados polo Museo de Pontevedra permiten historiar diversos aspectos da cultura galega en xeral e pontevedresa en particular. Así, a colección reunida por José Casal e Lois (1845-1912) e a biblioteca de Víctor Said Armesto (1871-1914), así como a completa hemeroteca, achégannos numerosos datos para coñecer a fondo a historia do Entroido na cidade do Lérez ao longo do século XIX.

Por esa documentación sabemos que a devandita festa tiña en Pontevedra un carácter rústico, con disfraces sinxelos, aproveitando para iso pezas vellas e inservibles, e con prácticas en nada distintas ás levadas a cabo ata non hai moitos anos en pobos e aldeas de Galicia.

Será na segunda metade do século XIX cando a festa do Entroido sufra un importante cambio debido á evolución experimentada na sociedade pontevedresa, co nacemento de destacadas sociedades culturais impulsado pola extensa nómina de escritores e artistas, a aparición de numerosas imprentas e a creación do Instituto e das Escolas Normais.

A partir de 1861 van ser os estudantes do Instituto que se encarguen da organización da festa, editando bandos nos que se anuncian as actividades e se invita os cidadáns a participar nas comparsas.

Pero o punto de inflexión no Entroido pontevedrés é, sen dúbida, o ano 1876, en que toma a iniciativa o escritor Andrés Muruáis Rodríguez (1851-1882), xunto co seu irmán Xesús (1852-1903), residentes na Casa do Arco, marco de destacados faladoiros. Uns meses antes da festa, Andrés crea un ambiente carnavalesco disfrazándose con peles e cubrindo a súa cabeza cunha careta de animal, arrastrando fortes cadeas. Desa guisa e ouveando como un can, percorre as rúas da cidade. Os habitantes da Moureira identifícano co Urco, un monstro lendario, un animal fantástico, de malos augurios, figura e significado estudados por Xosé Filgueira.

Na imprenta de Verea e Quintáns foi publicado o opúsculo Reinado e morte do Urco, no que se reúnen os documentos en prosa e verso aparecidos durante o Carnaval, encabezados pola crónica asinada por Larfín Farafullán como "Cronista de mi poderoso señor el Urco".

Pero segundo o relatorio dos feitos, Urco non resultou ser o animal monstruoso temido polos pontevedreses, senón un poderoso rei que o seu exército viña a visitar o país dos Helenos. Sería este unha reencarnación do extravagante e vicioso Inca Urco, breve sucesor do seu pai Viracocha, rei entre 1400 e 1438 de Cuzco, ao que abandonaron ante a invasión dos chancas?

Os actos de 1876 duraron dende o domingo, 27 de febreiro, ata o mércores, 1 de marzo, e foron, segundo a crónica, os seguintes: desembarco do rei Urco, aprazado ao luns polo mal tempo, recibimento por parte de Teucro, que publicara un Bando en verso, e desfile das carrozas ata a praza da Ferraría; o martes, na mesma praza, presididos por Teucro e Urco, os xogos florais, nos que foron lidas tres composicións, e o torneo, no que loitan os guerreiros dun e outro e que finaliza co enfrontamento entre ambos os dous, rematando Urco malferido, e o mércores, no teatro, a representación do apropósito "La muerte del Urco", da autoría de Andrés Muruáis, e a "Apoteose" escrita polo pintor madrileño Federico Guisasola (1830-1882), que tamén deseñou os traxes, finalizando co enterro do monarca, no que foi lido o "Discurso plágico-funébrico" por Siol Oilegor (léase Rogelio Lois, 1842-1905), "individuo del Gran Comité Estomacal".

Tomaron parte tamén nas representacións, con grande participación do pobo de Pontevedra sen distinción de clases, Piñeiro, autor da música dos coros e do himno, e Demetrio Durán, modelador da cabeza de Urco e autor dos traxes.

Dende entón e ata hoxe, a figura do rei Urco estará presente, con maior ou menor forza, e coas lóxicas excepcións, no Entroido pontevedrés.







Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra