Actos en memoria de patróns, benfeitores, amigos e traballadores do Museo falecidos

Actualizado 23/11/2009 18:33

museo de pontevedra

Os tradicionais actos con que o Museo de Pontevedra lembra anualmente ós seus patróns, benfeitores, amigos e traballadores falecidos celebraranse o vindeiro venres, día 27 de novembro e estarán centrados nesta ocasión na figura de Antón Losada Diéguez con motivo de cumprirse os oitenta anos do seu pasamento.

Ás sete da tarde, no salón de actos do Sexto Edificio do Museo celebrarase o acto académico, no que o profesor Xusto Beramendi, membro do Padroado da Fundación Losada Diéguez, glosará a personalidade do que foi unha das grandes figuras do nacionalismo galego das primeiras décadas do século pasado.

Antón Losada Diéguez, nacido no Pazo de Moldes (Boborás – Ourense) en 1884, estudou Letras na Universidade de Deusto, graduándose en 1906. Catedrático de Instituto en Toledo e en Ourense, desenvolverá o mellor do seu labor na última década da súa vida, sendo a cidade de Pontevedra, a cuxo Instituto foi trasladado en 1919, o núcleo privilexiado da súa densa actividade durante esa etapa.

Fundador, con Vicente Risco e Arturo Noguerol, da Revista Nós, membro, desde 1924, do Seminario de Estudos Galegos, impulsou en 1925 a creación da Sociedad Coral Polifónica de Pontevedra, da que foi o seu primeiro presidente. Tamén foi tesoureiro da Misión Biológica de Galicia, presidente do Club Eiriña de Fútbol e presidente do Círculo Católico de Pontevedra.

Antón Losada participou moi activamente tamén no proceso fundacional do Museo de Pontevedra. Foi vogal do seu primeiro Padroado, constituído formalmente no mes de xaneiro de 1929, ano no que falecerá, concretamente el 15 de outubro.

Tralo acto académico, oficiarase, na igrexa parroquial de San Bartolomeu unha misa, que será cantada pola Sociedad Coral Polifónica de Pontevedra.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra