O VII Memorial Filgueira Valverde do Museo de Pontevedra versará sobre a figura do Rei Alfonso VI e a súa relación con Galicia ![]() Actualizado 23/10/2008 18:25 museo de pontevedra O VII Memorial Filgueira Valverde, que se desenvolverá ó longo dos vindeiros días 28 e 29 de outubro e 4, 5 e 6 de novembro, terá como protagonista ó rei de León e Castela Alfonso VI e analizará a súa relación con Galicia. Neste memorial, promovido pola cátedra Filgueira Valverde e que conta coa colaboración do Museo de Pontevedra, analizaranse, como anticipo dos actos que se van programar ó celebrarse en 2009 o noveno centenario do pasamento de Alfonso VI, algunhas das cuestións esenciais dun reinado que tan decidida e decisivamente contribuíu á europeización das terras occidentais da Península Ibérica. Alfonso VI, rei de León e Castela (1065-1109), foi un dos grandes monarcas europeos do seu tempo. Durante o seu mandato, rico en novidades, consolídase como fenómeno internacional de masas a peregrinación a Santiago, renóvase en clave beneditina o monacato tradicional, implántase a liturxia romana e a reforma gregoriana, conquístase Toledo (1085) ou se acomodan de xeito xa definitivo as formulacións estruturais e decorativas do románico pleno, un estilo que ten na catedral de Santiago, iniciada en 1075, un dos seus monumentos máis emblemáticos. O programa do memorial deste ano inclúe catro conferencias que analizan a figura do rei, que se desenvolverán no salón de actos do edificio Fernández López ás 20 horas, e un concerto de música antiga na igrexa do convento de Santa Clara, tamén ás oito do serán. Os asistentes ó Memorial que o soliciten recibirán certificado de asistencia.
|
|
| © Copyright 2004-2008, Museo de Pontevedra. Reservados todos os dereitos. Pasantería, 2-12 - 36002 Pontevedra ES - Teléfono: +34 986 85 14 55 - Fax: +34 986 84 06 93 arriba | inicio | contactar | aviso legal |