Novas publicacións do Museo de Pontevedra

Actualizado 27/08/2008 07:45

museo de pontevedra

No que levamos de ano 2008 o Museo de Pontevedra, dentro do seu labor de difusión de actividades, editou varias monografías.

  • XOSÉ FILGUEIRA VALVERDE. Os poetas galegos (1936). Antoloxía consultada. Estudo preliminar de Xesús Alonso Montero e edición de Ana Acuña e Xesús Alonso Montero. Pontevedra, 2008. ISBN: 978-84-95632-36-4. 316 p.; 24 cm. 20€

    Trátase da publicación das respostas ó "Inquérito" realizado a poetas contemporáneos con obxecto de elaborar unha antoloxía, froito dun encargo do Seminario de Estudos Galegos para conmemorar o centenario de Rosalía de Castro. Reúnen datos biográficos, bibliográficos, estéticos e lingüísticos únicos. Algúns dos enquisados remiten ó profesor Filgueira poemas inéditos, indispensables para trazar con precisión o mapa poético galego dos anos trinta do século XX.

    Esta obra que ve agora a luz constitúe un dos máis importantes logros de Filgueira Valverde, a pesar de ter sido truncada en parte pola guerra civil española. O conxunto do material que se ofrece ós lectores nesta publicación é dunha riqueza e importancia extraordinarias.

    Este libro foi presentado nun acto celebrado no salón de actos do edificio Fernández López o pasado 8 de agosto.

  • Novos Valores 2008. Obra seleccionada, con texto de Agar Ledo. Pontevedra, 2008. ISBN: 978-84-95632-37-1. 132 p.; il. cor; 29 cm. 10€

    Catálogo complementario da exposición homónima, na que se presentan reproducións das corenta e oito obras seleccionadas das case trescentas presentadas no Certame Novos Valores 2008, xunto coas súas fichas técnicas, nas diversas categorías de debuxo, escultura, pintura, fotografía, gravado, instalacións ou audiovisuais.

  • Sen fronteiras. Converxencias artísticas hispanomagrebís. 30 Bienal de Arte de Pontevedra. Pontevedra, 2008. ISBN: 978-95632-38-8. 270 p.; il. cor; 25 cm. 10€

    Catálogo previo da actual edición da Bienal de Pontevedra, dedicada a tres países do Magreb: Tunes, Marrocos e Alxeria, co tema xenérico de fondo do multiculturalismo e a integración. Con textos de Abdelkrim Ouazzani (Cando as portas se abren), Mohammed Djehiche (Leonardo Da Vinci podería ser de orixe árabe?), Xosé Manuel Lens (Dentro dun mapa que nos afecta: territorios relatados) e Rachida Triki (Unha mutabilidade creadora), presentanse además currículos e obras dos diversos artistas participantes. Actualmente está a ultimarse a edición do catálogo definitivo que inclúe as obras presentadas nesta edición da Bienal.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra